publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación presenta en Fitur a edición máis internacional do Gran Fondo Ézaro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDumbríaGalicia exterior
A-
A+

O deputado responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, o deputado provincial e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e os ciclistas Ezequiel Mosquera e Perico Delgado, entre outros, participaron este mércores na presentación oficial do Gran Fondo Ézaro na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se desenvolve en Madrid do día 17 ao 21 de xaneiro.

Cunha grande afluencia de público desenvolveuse o acto de presentación en FITUR desta nova edición do Gran Fondo Ézaro, que foi presentado polo xornalista Terio Carrera. No acto participaron tamén o director de La Vuelta a España, Javier Guillén, o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e a secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Miguez, ademais de numerosos alcaldes dos concellos que atravesa a ruta ciclista.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou o potencial da proba para a promoción dos recursos da Costa da Morte nunha aposta “que combina paisaxe e deporte e supón un singular escaparate da beleza natural e patrimonial da comarca”. O responsable da área de Turismo destacou a relevancia do deporte na oferta turística e, neste sentido, referiuse ás presentacións en edicións anteriores de FITUR de propostas como a Ruta dos Faros, o Camiño Inglés ou o Camiño de Santo André.

Paraxes únicas na fin do mundo

Pola súa parte, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, destacou a conxunción de recursos patrimoniais e naturais da contorna da proba ciclista que fan de especial interese para a promoción turística da comarca. “Estamos a falar da fin do mundo, dunha paraxe única na que se atopan a lagoa de Louro, a praia de Carnota, a máis longa de Galicia, ou o santuario da Virxe da Barca de Muxía”.

O alcalde de Dumbría destacou que “o ciclismo contribuíu a dar a coñecer en todo o mundo o Mirador do Ézaro” e lembrou o exponencial incremento de turistas, que pasaron dos 2.000 do ano 2012 aos 62.000 do pasado ano.

Tanto Ezequiel Mosquera como Perico Delgado ou o propio Javier Guillén relataron a súa experiencia na subida da proba e fixeron fincapé na gran beleza dunha “paisaxe sobrecolledora” como a do Ézaro.

Seis concellos nunha ruta única

A proba, que se celebrará o vindeiro 8 de xullo, manterá o itinerario das derradeiras edicións, atravesando os concellos de Dumbría, Mazaricos, Muros, Muxía, Cee e Carnota. Un itinerario “equilibrado”, segundo a organización, que permite a celebración deste espectáculo deportivo sen repercutir en exceso no ritmo dos municipios polos que pasa.

Entre as novidades que presenta a edición deste ano, Ezequiel Mosquera destacou que o Gran Fondo Ézaro 2018 “pasa a integrar a UCI Gran Fondo World Series”, unha competición organizada pola Unión Ciclista Internacional, na que o Ézaro será a única proba no Estado español das 21 que a integran. Así, o organizador da proba cicloturista sinalou que os participantes que consigan puntuar nas probas deste campionato, terán a posibilidade de acceder ao Mundial de Gran Fondo.

Con todo, e a pesar de considerar que formar parte da proba da UCI representa un “valor engadido” para o Gran Fondo Ézaro, o ciclista de Cacheiras salientou que a proba “seguirá a manter o seu carácter popular e estará aberta a todo o mundo como sempre”.

O organizador valorou positivamente o feito de que o Gran Fondo Ézaro sexa presentado en Fitur e que coa súa presenza na feira Internacional de turismo “transcenda as fronteiras galegas”, onde xa se converteu nunha dos eventos de referencia para os amantes do cicloturismo.

“Para nós é un orgullo poder promocionar a carreira máis alá de Galicia, pois presentala en Fitur vainos dar a posibilidade de amosar unha carreira que xa é unha realidade e que cada ano vai a máis” engadiu. “As persoas que participan no Gran fondo Ézaro normalmente queren repetir”, sinalou Ezequiel Mosquera.

A carreira conta con dúas modalidades, segundo capacidade dos participantes, podendo inscribirse na súa variante de medio fondo (70 km) ou unha modalidade de gran fondo (140 km). “Á metade da carreira pasa pola Praia de Ézaro, así as persoas que non se vexan capacitadas para facer de xeito íntegro o percorrido teñen a opción de subir ao Ézaro antes”.

A subida ao Mirador do Ézaro é un dos grandes atractivos da proba, un coloso de tan só 1’8 quilómetros de lonxitude que acada pendentes de ata o 23%. Deporte e Natureza mestúranse nun evento que xa forma parte do calendario ineludible do verán galego.

A súa derradeira edición contou con máis de 1.000 participantes, atravesando a liña de meta en primeiro lugar o tetracampión mundial de triatlón e medalla de prata olímpica, Javier Gomez Noya, que completou o esixente percorrido da marcha cicloturista cun tempo de 3:11:02.

17 de xaneiro de 2018 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.