publicidade hoxe

A Deputación da Coruña renovará as beirarrúas e a iluminación na travesía das Neves, no Concello da Capela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CapelaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación de tres proxectos no Concello da Capela que financia a Deputación da Coruña. Por unha banda, o Plan Único permitirá renovar a pavimentación e a iluminación nas Neves, e instalar alumeado público en varios núcleos rurais do concello, cun investimento total de 81.932,74 euros.

Por outro lado, A Capela tamén recibe 30.000 euros do Plan de acción social (PAS) adicional, que se destinarán tamén a mellorar a travesía das Neves. Estes fondos proveñen dos remanentes xerados polas baixas durante os procesos de licitación anteriores do plan. En total, acometeranse 37 obras nos concellos da provincia grazas ao reinvestimento destes fondos provinciais.

Melloras na travesía das Neves

Os dous proxectos que se executarán na travesía das Neves, o principal núcleo urbano do concello, permitirán mellorar, tanto os servizos básicos como as condicións de mobilidade e conservación en ambas marxes da vía.

O proxecto incluído dentro do Plan Único afectará á marxe esquerda da estrada AC-564, en sentido Cabanas-As Pontes, entre os puntos quilométricos 9+420 e 9+630, mentres que o proxecto financiado a través do PAS permitirá realizar obras similares na marxe dereita, entre os puntos quilométricos 9+450 e 9+630.

Os traballos consistirán principalmente na substitución da pavimentación deteriorada nas beirarrúas e na eliminación das barreiras arquitectónicas e outros defectos no trazado. En lugar das baldosas existentes na actualidade, instalarase un pavimento continuo de formigón, que asegurará un itinerario máis accesible, xa que reúne as condicións de estabilidade e resistencia necesarias para reducir o risco de escorregamentos.

Así mesmo, co obxectivo de atender ás necesidades das persoas con discapacidades visuais, dotarase ao pavimento de sinalización táctil, que consistirá en franxas de orientación con indicadores de dirección nos vaos dos pasos peonís. Igualmente, o pavimento terá botóns ou resaltos que advirtan da proximidade de puntos de perigo e obstáculos.

Complementariamente, na marxe esquerda da vía tamén se levarán a cabo obras na instalación de alumeado, que consistirán na substitución da canalización existente e na dotación de novas luminarias de baixo consumo, que garantirán unha iluminación equilibrada e suficiente en todo o tramo ademais de aforrar electricidade.

Redes de alumeado público

O PAS adicional da Deputación destina 30.000 euros para renovar e actualizar os cadros eléctricos do alumeado públicos dos núcleos de Os Inxertados, Os Calzados, A Buiña, A Barbela, O Cadaval, Paces e Sande

O proxecto inclúe tanto o subministración como a instalación do material eléctrico, co obxectivo de adaptar estas redes ás prescricións vixentes en materia de seguridade e evitar os fallos e cortes de electricidade.

Os traballos consistirán no desmontado dos cadros existentes, a adecuación dos emprazamentos e a execución da cimentación necesaria para instalar os novos equipamentos. Estas instalacións contarán con envolventes de poliéster reforzados con fibra de vidro, para garantir a protección e conservación de todos os elementos. Así mesmo, instalaranse un total de 186 metros de liña eléctrica aérea.

10 de xaneiro de 2018 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.