publicidade hoxe

A Deputación colabora coa asociación SEARA para promover un programa piloto de emprendemento escolar nas Pontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs PontesLocal Portada
A-
A+

A Deputación da Coruña colabora coa Asociación de Usuarios de Solo Industrial (Seara) de As Pontes para desenvolver un programa piloto que promove iniciativas emprendedoras nos centros de educación secundaria do concello.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinou hoxe o convenio co presidente de SEARA, José Castro Romero, para financiar esta iniciativa na que participan rapaces de entre 14 e 16 anos do IES Moncho Valcarce e do IES Castro da Uz.

A Deputación achega 22.331,52 euros, que supoñen preto do 73% do orzamento total. Os fondos provinciais custearán as labores de coordinación e asesoramento, así coma diversos materiais, gastos de desprazamento e outras actividades necesarias para a realización do proxecto.

O presidente de SEARA destacou que o obxectivo desta iniciativa, denominada PROEM (proxecto emprendedor), é “potenciar a cultura emprendedora entre as novas xeracións” e fomentar o desenvolvemento de proxectos empresariais que sexan beneficiosos para a sociedade. Neste sentido, José Castro Romero lembrou a experiencia anterior que se desenvolveu durante dous anos no CPI Monte Caxado, onde un grupo de 24 alumnos crearon unha APP turística.

Valentín González Formoso defendeu a importancia de “vincular aos rapaces desde mozos coa ilusión de emprender un proxecto” e explicou que PROEM permitirá que os mozos e mozas “vivan en primeira persoa o proceso de creación e xestión dunha empresa”, coñecendo aspectos coma os pasos seguir para constituír legalmente unha empresa, o tecido empresarial e social das Pontes ou fundamentos de márketing, contabilidade e produción.

Formoso destaca o carácter emprendedor das Pontes

O presidente da Deputación destacou especialmente o “carácter emprendedor das Pontes” e afirmou que “os mozos que participan neste proxecto son a semente para o futuro”. “Estas novas xeracións de emprendedores seguirán avanzando nese espírito que caracterizou á vila durante décadas”, afirmou.

Así mesmo, González Formoso anunciou que outros polígonos industriais da provincia que se interesaron polo proxecto desenvolverán tamén iniciativas similares este ano co apoio da Deputación. En concreto, participarán a Asociación de Empresarios de Sabón, traballando con alumnos do CPI O Cruce de Cerceda; a Asociación de Empresarios da Grela, asesorando a alumnos do IES A Sardiñeira, e a Entidade de Conservación de Bergondo, con rapaces do IES de Bergondo.

3SonRisas

Tras a sinatura do convenio, Valentín González Formoso visitou tamén os dous centros educativos que participan en PROEM, onde os propios rapaces foron os encargados de explicar os proxectos que xa están levando a cabo.

No IES Moncho Valcarce, os alumnos de 3º da ESO están desenvolvendo un programa para fomentar as relacións entre as persoas da terceira idade e a mocidade do concello, a través da recuperación de actividades tradicionais, a organización de bailes e outras cuestións de carácter interxeracional que sirvan para conectar á xuventude coa experiencia dos máis veteranos.

Xelo

Pola súa banda, os alumnos de 4º da ESO do IES Castro da Uz formaron a cooperativa Xelo que centrará a súa actividade en divulgar información dos numerosos actos culturais, deportivos e de diversa índole que teñen lugar en As Pontes. Así mesmo, os rapaces tratarán de incentivar as relacións entre os veciños e veciñas a través da organización de actividades e eventos.

23 de xaneiro de 2018 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.