publicidade hoxe

A décimo novena edición de Xantar converterá Ourense no escaparate do potencial galego para o turismo enogastronómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+
Presentación de Xantar 2018

Presentación de Xantar 2018

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2018, celebra a súa décimo novena edición en Expourense a partir do mércores que vén, día 31 de xaneiro, ata o domingo, día 4 de febreiro. Este ano a feira reúne a 273 expositores achegados de 12 países: España, Portugal, Panamá, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguai, Francia, Perú, Cuba, Arxentina e Estados Unidos. Por quinto ano consecutivo, Xantar volver ser o único certame internacional celebrado en España dedicado conxuntamente ao turismo e a gastronomía e ofrecélle ao visitante máis de 200 actividades enogastronómicas e turísticas.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na rolda de prensa de presentación desta nova edición de Xantar e destacou que esta feira “ten contribuído dun xeito moi salientable á proxección de Galicia como destino enogastronómico”. Ademais, na súa intervención, Díaz Mouteira indicou que esta feira é o mellor escaparate para promocionar a nivel internacional a calidade dos produtos da nosa terra e para pór en valor os profesionais da cociña galega.

Apoio institucional

Díaz Mouteira subliñou o respaldo de distintos departamentos autonómicos a este evento internacional de turismo gastronómico. Tanto a Consellería do Medio Rural como a de Mar contarán con dúas aulas gastronómicas para realizar obradoiros e demostracións que demostren as posibilidades culinarias dos nosos produtos.

Así, organizan showcookings que teñen o obxectivo de poñer en valor os produtos de calidade de Galicia amparados con Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida ou con selos de garantía como “PescadeRías, de onde se non?” ou as conservas de peixe e marisco de Anfaco-Cecopesca. Participarán chefs galegos como Javier Rodríguez “Taky”, Flavio Morganti, Alberto Lareo, José Mallón ou Emma Pinal, entre moitos outros. A Consellería do Medio rural tamén patrocina o túnel do viño no que participan as cinco denominación de orixe de viño de Galicia. Turismo de Galicia achega un stand informativo sobre as moitas posibilidades turística que ofrece a nosa Comunidade autónoma.

Tamén colabora nesta cita a Consellería de Sanidade organizando actividades relacionadas coa alimentación saudable e a seguridade alimentaria.

A máxima representante do Goberno galego en Ourense manifestou a súa satisfacción de comprobar, ano tras ano, como Galicia se proxecta ao mundo desde Xantar e desde Ourense “unha provincia que conta con todo o que os nosos turistas buscan: natureza, enogastromía, termalismo, patrimonio cultural, entre outras moitas cousas”.

Portugal, pais convidado

A 19ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, terá como país convidado a Portugal que “é un dos mercados dos que Galicia recibe máis viaxeiros e co que cada día únennos máis proxectos”, indicou Marisol Díaz e que presentará o mellor da súa gastronomía a través de catro restaurantes achegados desde Braga, Ponte de Lima, Vila Real e Azores.

En Xantar 18 participan 15 restaurantes procedentes de Galicia, Castela e León e de varias rexións turísticas de Portugal, ademais de Panamá, que repite experiencia logo de ter participado como convidado na pasada edición. En total, ofrécense 20 menús con prezos comprendidos entre os 14 e os 30 euros, baseados en produtos autóctonos e de calidade.

Na rolda de prensa presentación da nova edición de Xantar participaron tamén o alcalde da cidade, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicecónsul de Portugal en Galicia, Manuel Correira da Silva; o vicepresidente do Club Gastronómico de Panamá, Camilo Hoyo; a secretaria xeral do Instituto nacional de Formación Profesional y Capacitación para el desarrollo humano de Panamá, Alina Concepción; e o director xerente de Expourense e director do certame, Alejandro Rubín.

29 de xaneiro de 2018 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.