publicidade hoxe

A consellería de Medio Rural fomentará a mobilidade de terras en Paderne de Allariz para atender a crecente demanda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPaderne de Allariz
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Paderne de Allariz. Foto: X. Crespo

Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Paderne de Allariz. Foto: X. Crespo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu este mediodía en San Caetano ao alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández. Nesta xuntanza de traballo exploraron as posibilidades que se presentan neste municipio ourensán para fomentar a mobilización de terras agrarias a través de diferentes procesos de reestruturación parcelaria.

Neste sentido, o rexedor municipal –que é ademais presidente da Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense– trasladou á conselleira que existe un interese crecente, especialmente pola xente nova, por asentarse no rural e dedicarse á actividade agrogandeira.

Por outra banda, o alcalde solicitou neste encontro a colaboración da Consellería para dotar á devandita Mancomunidade dun tractor para realizar labores de roza e limpeza de matogueira para a prevención de incendios forestais, unha posibilidade que Ángeles Vázquez comprometeuse a estudar, valorando en particular o feito de que sexan varios municipios os que fan esta petición, agrupados no marco da mancomunidade.

Datos da mancomunidade

Desta entidade local forman parte, ademais de Paderne de Allariz, os concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo. Foi constituída no ano 2007 e acada unha poboación aproximada de 24.000 habitantes e unha extensión de 597 quilómetros cadrados.

8 de xaneiro de 2018 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.