publicidade hoxe

A Consellería de Cultura difunde o Pergamiño Vindel con propostas musicais que homenaxean aos “trobadores e trobadoras” do século XXI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+
Presentación da programación

Presentación da programación

A Consellería de Cultura e Educación programa unha serie de concertos na cidade de Vigo para pechar a programación de actividades relacionadas coa presenza en Galicia do Pergamiño Vindel. A actuación principal vai ser O primeiro elepé vigués, o día 3 de marzo, no Teatro Afundación da cidade da oliveira, na que participarán artistas do talle de Rosa Cedrón, Susana Seivane, Iván Ferreiro, Patricia Moon, Wöyza ou Eladio Santos, entre un longo elenco. Eles “recuperan e honran a memoria dos trobadores de tempos pasados a través dunha homenaxe aos músicos, trobadores e trobadoras, do século XXI”, segundo explicou durante o acto de presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A programación musical ponse en marcha xa un mes antes, o 2 de febreiro, día no que o trío Ulobit presenta unha proposta única, “mestura de audiovisual, música, danza e voz, cunha linguaxe de vangarda na que latexan as cantigas de Martín Códax”, segundo engadiu Anxo Lorenzo referíndose ao concerto Variacións sobre as cantigas do Pergamiño Vindel, que terá lugar no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

O secretario xeral de Cultura estivo acompañado polo director xerente de Afundación, Pedro Otero, e pola directora de márqueting de Martín Códax, María Garrido, ambas entidades colaboradoras dos concertos; polo xerente de Sinsal e director artístico da programación, Julio Gómez, e polo director do Museo do Mar de Galicia, Vicente Caramés.

Homenaxe aos trobadores e trobadoras do século XXI

O multitudinario concerto O primeiro elepé vigués, que terá lugar no Teatro Afundación, con capacidade para 1.500 persoas, porá o broche de ouro á presenza do Pergamiño Vindel en Galicia, no que será unha homenaxe aos “trobadores e trobadoras” do século XXI, artistas completos que levan a música popular a unha nova dimensión.

O cartel conta coa presenza de Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza, Amaro Ferreiro, Rosa Cedrón, Susana Seivane, Wöyza, Iván Ferreiro, Patricia Moon, Eladio Santos, Víctor Coyote e Lucía Fernández, nun espectáculo presentado por Lydia Botana. Os artistas, representantes de distintas xeracións de músicos galegos actuarán en solitario ou interpretando versións a dúo. O concerto, que dará comezo ás 21.00 horas, ten un prezo de cinco euros.

Variacións sobre as cantigas

Variacións sobre Martín Códax é unha residencia artística multidisciplinar para facer unha reinterpretación musical das sete cantigas de Martín Códax contidas no Pergamiño Vindel. Trátase dunha proposta única arredor destas composicións da literatura medieval galego-portuguesa, creada polo trío Ulobit. Un concerto inmersivo onde son, vídeo, luz, movemento e palabra ofrecen unha visión actual sobre os textos e as músicas do pergamiño.

Os artistas convidados son a bailarina Ánxela Blanco, a cantante Alba María, a percusionista Lucía Martínez e o clarinetista Fernando Abreu. Elas, xunto coa zanfona de Ariel Ninas, a electrónica de Xoán-Xil López e a creación videográfica de Horacio González, compoñentes do trío Ulobit, traerán de volta as creacións do trobador medieval nunha mestura de música, canción, danza e espectáculo audiovisual.

A experiencia terá lugar o día 2 de febreiro, ás 20.30 h na sala da lonxa do reloxo, no Museo do Mar de Vigo. A entrada é gratuíta.

Outros concertos no Museo do Mar de Galicia

O concerto Os nosos: Martín Códax e o seu tempo ten dúas partes ben diferenciadas. Na primeira lembraranse voces senlleiras da lírica medieval galego-portuguesa, como Mendinho, Johan de Cangas, D. Denís ou Afonso X. A segunda parte vai ser a estrea absoluta da obra As sete cantigas de Martín Códax, de José Barja Iglesias. O recente falecemento deste músico, compositor, profesor e mestre organista converte este concerto nunha homenaxe póstuma á súa figura.

Dirixido por Alberto Abal, participan no recital a Coral María Auxiliadora de Vigo, a Coral da UVDC Candeán de Vigo, a Coral O Piñeiral de Chapela, o coro Proxecto vocal de Vigo, con textos de Benito Pérez e Katu Silva como relatora. Interpretarán a música Bea González á arpa, Teresa Gómez á zanfona, Alejo Amoedo ao piano e Chuco Estévez na percusión. A cita é o domingo 25 de febreiro, ás 12.00 h, no Museo do Mar de Galicia. A entrada é de balde.

No mesmo lugar, o día 1 de marzo, ás 19.00 h o departamento de música antiga do Conservatorio Superior de Música de Vigo interpretará As cantigas de Martín Códax no Pergamiño Vindel. Os instrumentos que se tocarán na función están documentados na música medieval galega. O programa presenta unha recreación musical das sete cantigas de amigo de Martín Códax, a partir da información recollida no Pergamiño Vindel, e acompáñase de breves introducións explicativas.

A voz de Esperanza Mara e as interpretacións de Sara Ruíz á fídula, Rebeca Carrera coa zanfona, Rafael Muñoz, no oud e Carlos Castro, percusión e salterio traerán de novo á vida estas composicións medievais.

O Pergamiño Vindel en Galicia

Estas actividades enmárcanse no peche da programación de actividades que a Xunta despregou en toda a comunidade, vinculada á mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que recibira ata onte a visita de 31.700 persoas.

Unha programación que deu comezo no mes de outubro, coas travesías marítimas Ondas do mar de Vigo, e que se foi completando con obradoiros, ciclos de cine, un certame de videocantigas para os centros educativos, vermús nas librarías ou un concurso de tapas, entre outras iniciativas que buscan poñen en valor entre a sociedade galega a presenza deste testemuño excepcional da nosa cultura.

24 de xaneiro de 2018 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.