publicidade hoxe

A Comisión de seguimento do Plan de transporte público de Galicia acorda reforzar as cláusulas sociais dos novos contratos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión desta mañá

Ethel Vázquez na reunión desta mañá

A comisión de seguimento do Plan de Transporte Público de Galicia acordou reforzar nos pregos dos novos contratos de transporte público as cláusulas sociais para que sexan unha completa garantía para a estabilidade laboral.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participaron hoxe na nova xuntanza da comisión, integrada polas catro federacións empresariais do transporte de viaxeiros por estrada e os dous sindicatos asinantes do acordo das cláusulas sociais do Plan de Transporte (UGT e Comisións Obreiras).

Neste encontro acordouse tamén que a Xunta lle remitirá hoxe á empresa adxudicataria do contrato de transporte público da Mariña unha resolución na que se pon de manifesto a súa obrigatoriedade do cumprimento da subrogación en relación coas tres persoas que están sen traballar.

Así, unha vez que a empresa saínte contratou xa a os outros seis traballadores, agárdase solucionar definitivamente a situación dos traballadores da Mariña e cumprir plenamente o compromiso de garantir o 100% dos empregos vinculados ao Plan de transporte público de Galicia posto en marcha o pasado verán.

Ethel Vázquez subliñou que o Executivo autonómico ten traballado moito polos postos de traballo no sector, destacando o valor das cláusulas sociais empregadas nos pregos de contratación que garantían, entre outras cousas, a subrogación e a estabilidade laboral.

A meirande parte das empresas cumpriron a subrogación, pero na zona de A Mariña, 9 conductores estaban temporalmente sen emprego, un asunto ao que a consellería lle deu a máxima prioridade para resolver esta situación, segundo explicou a titular de Infraestruturas.

A xuntanza da comisión foi convocada hoxe co obxectivo seguir avanzando na necesaria regularización do transporte público, na que a Xunta traballa da man do sector, das federacións e das forzas sindicais. Así, tamén se abordaron as liñas Lugo-Vigo e A Coruña-Vigo, no que se está a seguir o procedemento legal establecido, e avalado polo Tribunal de Recursos Contractuais, para garantir a prestación do servizo. A Xunta xa ten sometido estes proxectos a Información Pública e 8 empresas mostraron interese por prestar os servizos.

Cómpre lembrar que a 1ª fase do Plan foi consecuencia da renuncia de determinadas empresas a seguir prestando 600 liñas de transporte. Neste sentido, o Goberno galego traballou por garantir os postos de traballo e o servizo público de transporte de viaxeiros por estrada en Galicia. Así, a comunidade non quedou sen transporte nin un só día e os novos servizos estanse prestando dun xeito máis eficiente, con equipos máis modernos e novas modalidades de transporte, respondendo mellor ás necesidades dos usuarios.

16 de xaneiro de 2018 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.