publicidade hoxe

A Agadic ofrece 53 actuacións en cinco locais escénicos coa nova carteleira da Rede Galega de Salas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove durante este semestre 53 actuacións nos cinco espazos escénicos que conforman a súa Rede Galega de Salas: Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo.

Financiado integramente pola Xunta, este circuíto de espectáculos contribúe ao mantemento da actividade destas salas escénicas, de titularidade privada e capacidade reducida, e que reúnen os requirimentos para o desenvolvemento das actuacións de xeito profesional. No primeiro período de programación de 2018, son 29 as compañías que presentes na carteleira, para a que se conta cun orzamento superior aos 28.000 euros.

Inicio da programación esta fin de semana

Con máis de dez anos de actividade, o circuíto ofrece un abano de propostas moi diversas e cunha ampla presenza das montaxes especialmente dirixidas ao público infantil e familiar nas fins de semana. Así sucede no arranque da nova programación cos espectáculos Valentino Rufini e Âkil Pillabán de viaxe en Milán (e van sen un can), de Talía Teatro, no Teatro del Andamio o sábado 20 (18,00 h.) e o domingo 21 (12,30 h. e 18,00 h.), e o espectáculo para bebés Cu-cú, tas-tás, de Títeres Cachirulo, na Sala Gurugú o sábado 20 ás 18,30 h.

Tamén nos vindeiros días terán lugar dúas funcións de Paisajes de extinción, de Anómicoteatro, no Teatro Ensalle (mañá venres e o sábado, ás 22,00 h.), como exemplo doutro tipo de montaxes de carácter máis experimental que tamén teñen cabida nesta oferta.

A meirande parte dos espectáculos preséntanse na Rede Galega de Salas da man de formacións galegas. Ademais das citadas, o circuíto programa os espectáculos para público familiar das seguintes compañías teatrais: A la Sombrita, A Trastenda dos Contos (Caxoto Contacontos), APP Creacións, Babaluva, Danthea Teatro, Elefante Elegante, Galeatro Producións Escénicas, Ghazafelhos, Hilando Títeres, Katarsis Educación e Teatro, O Retrete de Dorian Gray, Payaso Piruleta & Cía., Pérez&Fernández, Teatro Marionetas Trécola, Títeres Cachirulo, Trinketrinke Teatro e Trompicallo. Pola súa banda, o teatro para público adulto estará representado por Funboa Escénica, Helen Bertels, a compañía do Teatro Ensalle e Xurxo Cortázar, ademais de pola xa mencionada Anómicoteatro.

En canto á maxia, actuarán nesta Rede A Illa dos Nenos e Os Sete Magníficos + 1, mentres que Daniel Abreu e Janet Novas presentarán as súas pezas de danza e Asacocirco e Pistacatro, de novo circo.

A Rede Galega de Salas conforma xunto coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Música ao Vivo e Cultura no Camiño, os outros tres circuítos de distribución de espectáculos xestionados pola Agadic, a oferta escénica e musical de produción galega e carácter profesional máis estable e ampla da nosa Comunidade.

18 de xaneiro de 2018 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.