publicidade hoxe

Turismo de Galicia inviste 74.000 euros nunha actuación para unir os principais focos turísticos de Cenlle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleLocal PortadaOurense
A-
A+
Marisol Díaz na visita a Cenlle

Marisol Díaz na visita a Cenlle

A Xunta, a través de Turismo de Galicia, está a desenvolver no concello ourensán de Cenlle traballos de recuperación no paseo fluvial xunto ao Miño, nunha contorna na que destacan os seus recursos termais e enoturísticos, que quedarán desde xeito unidos. Esta intervención conta cun investimento de 74.000 euros.

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde, Gabriel Alén, supervisou a execución das obras executadas ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Casto, e o rexedor do municipio co obxectivo de recuperar un camiño tradicional, que xa existía con anterioridade ao encoro de Castrelo de Miño, pero que debido á dificultade dos accesos en algúns tramos foi abandonado.

Díaz Mouteira indicou que Cenlle combina a posibilidade de gozar da natureza, dos recursos termais e do enoturismo, “singularidades que esta actuación axudará a aproveitar, pois o paseo fluvial unirá as adegas co Balneario de Laias e a Área Termal de Barbantes que son os tres focos principais de atracción turística de Cenlle”. Ademais, a delegada territorial subliñou que as obras da pasarela peonil permitirán por en valor a paisaxe característica da comarca ourensán do Ribeiro con viñedos nas beiras do río, camiños tradicionais enmarcados con muros de pedra e bosques de vexetación autóctona moi ben conservada.

As obras previstas, que respectarán a contorna natural do lugar, recuperarán ditos elementos para o uso e goce dos mesmos por partes dos veciños e os turistas. Ao existir un tramo onde o espazo entre o río e o terraplén do ferrocarril é insuficiente, construirase unha pasarela voada sobre o río, mediante unha estrutura de madeira en harmonía coa contorna.

Marisol Díaz destacou que con esta actuación se potencia a riqueza dos recursos turísticos do concello, entre os que salientou o enoturismo e o termalismo, e a súa a capacidade de incrementar os fluxos turísticos, desestacionalizar a demanda e crear unha imaxe de destino de calidade.

Este tipo de recursos endóxenos permiten a Galicia especializar a súa oferta e darlle un valor engadido, de calidade e tranquilidade, tal e como propón a Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta deseñada entre Xunta e sector para desenvolver a actividade turística nos próximos anos.

5 de decembro de 2017 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.