publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os Bolechas e a Xunta únense para fomentar o voluntariado entre o alumnado de educación infantil e primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou hoxe, Día Internacional do Voluntariado, a guía Os Bolechas e o voluntariado, un libro que busca sensibilizar á poboación infantil sobre os valores solidarios e a xustiza social. No acto tamén se fixo entrega do carné de “voluntari@s de honra” a máis de 500 estudantes das catro provincias galegas que desenvolven algunha iniciativa de voluntariado, así como dun exemplar do manual presentado esta mañá.

O obxectivo é que os máis pequenos se comprometan e participen como axente xerador de cambios. Así mesmo, esta publicación ensínalles a detectar necesidades sociais e a identificar as causas que as provocan dun xeito ameno e divertido.

O voluntariado é unha das formas de participación social máis relevante. É importante que os nenos e nenas se familiaricen desde unha idade temperá coa acción social e cos beneficios que esta reporta a nivel individual e social. Os centros escolares, lugares de aprendizaxe formal pero tamén de transmisión de valores, constitúen un motor fundamental na súa evolución. Nunha sociedade ás veces tan individualizada como a actual, convén potenciar actitudes de proximidade, integración e solidariedade.

A educación xoga, por tanto, un papel fundamental no fomento do voluntariado. Os valores que leva aparellados o voluntariado han de estar presentes en todas as etapas do ciclo educativo. Por iso o sistema educativo ten que afondar na educación en valores, a solidariedade, a participación social, a conciencia de cidadanía, o respecto polo medio ambiente e polos máis débiles.

A guía hoxe presentada está pensada para o alumnado de 3 a 11 anos. Cada docente poderá axustar o seu contido aos tempos que crea convenientes, aínda que a proposta é realizala dentro dun marco (unha semana temática por exemplo) e materializalo nun día, como o de hoxe, Día Internacional do Voluntariado.

Esta guía publícase coa intención de que os contidos teóricos recollidos na mesma se materialicen cos axentes sociais activos e executores de ditas accións na realidade social: as entidades de Acción Voluntaria.

Así mesmo, pretende dar a coñecer entre os máis cativos a realidade do voluntariado e a súa acción social na nosa Comunidade Autónoma a través dos distintos programas operativos que se están a impulsar desde a Xunta de Galicia.

Día Internacional do Voluntariado

Hoxe réndese unha homenaxe especial a todas as persoas que traballan de xeito desinteresado para construír unha sociedade mellor e axudar a quen máis o precisa. Cómpre destacar que Galicia é a comunidade autónoma con maior índice de participación xa que 40.000 persoas están implicadas en programas solidarios.

A Xunta segue a fomentar a actividade voluntaria como fórmula de participación na sociedade a través da posta en marcha de accións en áreas como a de maiores ou medio ambiente e que ao seu tempo, permitan aos galegos e galegas obter o certificado de experiencia voluntaria.

5 de decembro de 2017 | 16:33 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario