publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O paro baixa nun 8,05% no último ano e reflicte unha mellora da calidade do emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe que a recuperación económica se continúa trasladando ao mercado laboral tras coñecerse hoxe os datos do paro rexistrado de novembro. Con respecto a hai un ano, o número de desempregados baixa nun 8,05%, é dicir, Galicia conta con 16.379 parados menos, o que sitúa á Comunidade por debaixo de niveis de hai 8 anos e supón cinco anos consecutivos de caídas nun mes de novembro. Neste período, segundo remarcou Toca, un de cada tres persoas abandonaron as listas do paro, sumando preto de 90.000 desempregados menos.

O emprego, ademais, segue crecendo, xa que as afiliacións continúan aumentando, nun 2,13% máis que hai un ano, polo que Galicia rexistrou 20.614 afiliacións novas. Toca salientou que xa son máis de tres anos e medio, desde abril de 2014, que se crea emprego na Comunidade.

A secretaria xeral de Emprego indicou que as cifras, ademais, reflicten unha mellora na calidade do emprego, xa que a contratación indefinida creceu no último ano nun 10,64%, superando en case 6 puntos o reflectido na temporal. Ademais, Galicia supera o ritmo de subida do Estado na contratación indefinida, nun 0,39% máis. Tamén medraron os contratos a tempo completo nun 5,82% e a mellor ritmo que os parciais.

O desemprego na evolución anual descende tamén nas principais variables, como leva acontecendo nos últimos meses: cae nas catro provincias e nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade económica e nos colectivos prioritarios en todas as políticas de emprego da Xunta como son os menores de 30 anos (-5,06%), as mulleres (-5,27%) e os parados de longa duración (-9,33%). Estes últimos contarán nas próximas semanas con 130 novos orientadores laborais nas oficinas de emprego para axudarlles a axustar o seu perfil para acadar o antes posible a inserción no mercado de traballo.

Con respecto ás provincias, Ourense é na que máis descende (-10,35%), seguida de Lugo (-9,88%), Pontevedra (-8,28%) e A Coruña (-6,68%). Nos sectores de actividade, a construción lidera a baixada cun -20,33% seguido da agricultura e a pesca cunha caída do -12,67% e da industria cun -11,26%.

A subida do paro con respecto a outubro, que medra nun 0,68%, supón o menor incremento nun novembro das últimas décadas. Toca explicou que o aumento do número de desempregados nos meses de novembro é un feito que se vén producindo ao longo de toda a serie histórica que se asocia á caída do emprego estacional. A secretaria xeral de Emprego apelou ao traballo para seguir mellorando estas cifras, pero apuntou que o crecemento experimentado este mes é “notablemente inferior” aos incrementos producidos nos últimos 8 anos.

Formación

Toca, para iso, lembrou que a mellora da empregabilidade dos galegos é unha das grandes apostas do Goberno galego, a través de diversos programas que se centran en adaptar a formación dos desempregados ás necesidades reais do tecido produtivo. En palabras da responsable de Emprego, unha cualificación en consonancia coas demandas das empresas tradúcese na creación de máis e mellores postos de traballo.

Neste senso, o Goberno galego ten en marcha diversas ferramentas orientadas ao novo modelo industrial e ás novas tecnoloxías entre as que Toca resaltou os programas integrados de emprego, que se activarán nas próximas semanas para mellorar as habilidades de máis de 4.000 parados con accións específicas para mulleres; Formación á porta para impulsar a cualificación de 500 mozos de 30 concellos do rural; ou as unidades formativas na empresa, que están permitindo ás compañías contratar a persoal cualificado tras unha formación á carta co apoio da Administración.

Toca indicou que estes programas están contribuíndo á boa evolución que rexistra o mercado laboral, que unido a outros indicadores económicos, como o incremento do PIB, que leva 8 trimestres consecutivos con taxas de crecemento iguais ou superiores ao 3%, ou como a mellora do gasto en consumo final, ratifican que “Galicia está avanzando para conseguir un mellor benestar para os seus cidadáns”.

É preciso lembrar que a Xunta mantén a súa previsión de acadar neste 2017 un crecemento do 3,1% e continúa avanzando cara o reto fixado para 2018: a creación de 17.500 novos empregos para pechar o próximo ano coa taxa de paro no 14%.

4 de decembro de 2017 | 19:25 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario