publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Parlamento de Galicia aproba a primeira Lei de portos autonómica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a Lei de Portos, a primeira con carácter autonómico, que rexerá a xestión dos 122 peiraos dependentes da Administración autonómica. A Consellería do Mar impulsou esta norma centrada na realidade portuaria galega co obxectivo de dar resposta ás necesidades propias dos usuarios dos peiraos da nosa comunidade, moi en especial dos profesionais de mar.

A nova lei será de aplicación no conxunto dos portos dependentes da Xunta de Galicia. Dada a extensión e complexidade do seu ámbito de aplicación, o texto foi consensuado pola Consellería do Mar cos principais representantes do sector marítimo e portuario así como coas administracións e institucións implicadas.

A nova normativa mellora a oferta de servizos portuarios e axiliza a tramitación administrativa en todo o relativo ao peiraos que xestiona a Consellería do Mar a través de Portos de Galicia. O articulado do texto fai referencia á regulamentación de todas as actividades que conviven nos peiraos galegos: profesional, náutico recreativa, comercial e de recreo ou complementarios vinculados ao litoral.

Co obxectivo de establecer un marco regulador organizativo e de colaboración que abarque todas estas actividades a modo de infraestrutura portuaria en rede, a lei recolle aspectos relativos a accesibilidade e adaptación constante das infraestruturas e servizos, a relación dos portos coa vila e a intermodalidade entre vías de transporte, entre outros. Entre os principais puntos do seu contido destaca tamén a promoción da competitividade e reactivación da actividade económica e a apertura progresiva dos servizos portuarios a inversores. Entre o reforzo das garantías de cara aos inversores, contémplase a ampliación do prazo das concesións, de 30 a 50 anos, e a transparencia no procedemento de concesión dos servizos recuperando o trámite de competencia.

Polo que respecta á ordenación do solo portuario, contémplase a creación de plans especiais que recollen a planificación específica de cada peirao e a zonificación das actividades que se desenvolven nel. Ademais, impulsarase a coordinación áxil cos concellos para dotar aos portos dos instrumentos necesarios de planificación e ordenamento. Finalmente, recóllese, así mesmo, a figura dos plans directores de infraestruturas que planificarán a dotación de obras necesarias en cada caso nun horizonte temporal mínimo de 5 anos.

4 de decembro de 2017 | 19:34 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario