publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Centro Ramón Piñeiro incorpora oito novos bolseiros aos seus proxectos de investigación

O CRPIH deulle a benvida aos oito novos bolseiros

O CRPIH deulle a benvida aos oito novos bolseiros

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, deulle hoxe a benvida aos oito novos bolseiros en formación que incorpora aos proxectos CORGA/XIADA, CODOLGA, BILEGA, Termigal, Informes de Literatura, Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos, Lírica profana galego-portuguesa e Dimensión da identidade colectiva de Galicia. Estes novos bolseiros en formación son titulados universitarios que se están a especializar na súa formación académica, profesional e investigadora e desenvolverán o seu labor no centro ata o ano 2019.

Desde a súa creación hai 24 anos, pasaron polos vinte proxectos que ten en marcha o CRPIH preto de 500 investigadores/as, tanto bolseiros e bolseiras galegos que se formaron participando nos seus proxectos coma outros estranxeiros de estadía durante un trimestre para desenvolver traballos de investigación propios baixo o asesoramento dos seus directores , semellantes aos dos seus centros de procedencia. Moitos destes son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio que, desde os postos actuais, continúan a ofrecer importantes contribucións ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reafirma así o seu compromiso coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia co obxectivo de avanzar na súa normalización e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.

5 de decembro de 2017 | 17:17 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario