publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

‘In Tempore Sueborum’ achega a Ourense a primeira mostra monográfica sobre os suevos en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurensePortada dereita
A-
A+

A exposición In Tempore Sueborum. O tempo dos suevos na Gallaecia. O primeiro reino medieval de Occidente (411-585) achegará a distintos centros expositivos da cidade de Ourense unha visión revisada e actualizada sobre o tempo dos suevos en Galicia. Trátase da primeira iniciativa monográfica abordada na comunidade galega sobre este tema, impulsada pola Deputación Provincial de Ourense e apoiada pola Consellería de Cultura e Educación.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe na presentación da mostra, sobre a que destacou o seu interese “para afondar no coñecemento do noso pasado a través de numerosas pezas de relevante valor histórico-arqueolóxico”. Os comisarios da mostra, Jorge López e Artemio Martínez, achegan un novo relato sobre os suevos que abrangue máis de século e medio do noso pasado e que “ofrece nova luz” sobre os pobos asentados nos límites territoriais do Imperio romano de Occidente nos primeiros séculos da Idade Media, coa actualización e revisión dos coñecementos e hipóteses que ata agora se manexaban sobre esta etapa.

Anxo Lorenzo destacou o traballo “de cooperación no que participan entidades culturais galegas de referencia como os museos arqueolóxicos provinciais de Ourense, de Lugo e da Coruña; ou o Museo de Pontevedra; museos do resto do Estado español e de Portugal; xunto con centros doutros puntos do mundo –como San Petersburo e Washington–, que achegan pezas únicas procedentes das súas coleccións”.

Para o secretario xeral de Cultura é este un proxecto histórico-artístico ambicioso e rigoroso “que lle brinda ao público a oportunidade de desfrutar nesta cidade de pezas de gran valor ás que sería difícil acceder doutro xeito”, así como “a posibilidade de aproximarse de forma amena e accesible” ao que acabaría sendo o primeiro reino medieval de Occidente.

Desde o 15 de decembro e ata o 4 de marzo de 2018, poderanse visitar as 200 pezas repartidas en tres espazos expositivos de Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Museo Municipal de Ourense e a Igrexa de Santa María Nai, nas que se fai un repaso polo lapso de século e medio no que os suevos configuran no noroeste peninsular o primeiro reino medieval de Occidente.

4 de decembro de 2017 | 19:35 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario