publicidade hoxe

Francisco Conde destaca a aposta do coworking do CIS Madeira pola innovación forestal para explorar novos usos da madeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Francisco Conde na visita ao polígono de San Cibrao das Viñas

Francisco Conde na visita ao polígono de San Cibrao das Viñas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, coñeceu hoxe no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, en Ourense, os 20 proxectos que están impulsando 27 emprendedores a través do coworking do CIS Madeira, pioneiro por ser o primeiro en Galicia dedicado ao ámbito forestal.

Conde puxo en valor as ideas innovadoras dos participantes neste espazo que desenvolve a Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), sinalando a importancia de levar a cabo iniciativas como esta para trasladar a innovación a toda a cadea da industria forestal e por facer do rural un lugar para o emprendemento. Neste senso, Conde destacou a aposta deste coworking pola innovación forestal para explorar novos usos da madeira noutros sectores como a automoción ou o naval, para, así, alcanzar novos mercados.

Entre as propostas presentadas ao coworking resaltou as que permiten diferenciar a calidade da madeira a través da tecnoloxías, as que se aproximan ao sector da construción propoñendo un sistema para edificar vivendas de estilo americano construídas en madeira de pino ou as que desenvolven un programa tecnolóxico de apoio á xestión forestal no eido local.

Innova Peme

“A madeira é un sector que cada vez ten un maior empuxe desde o punto de vista do emprendemento e da innovación”, subliñou o conselleiro, ao tempo que afirmou que na innovación radica a clave da competitividade e, por iso, o Goberno galego está impulsando este eido con diversas ferramentas como o programa Innova Peme co que se beneficiarán a 49 empresas galegas con axudas de ata 100.000 euros que cobren o 50% do orzamento. O obxectivo destes apoios, que veñen de resolverse, son axudar ás pemes e micropemes a desenvolver novos produtos e servizos a través da innovación. Estímase con este plan unha mobilización de 9,5 millóns de euros a través dun orzamento de 4,7 millóns.

As axudas, polo tanto, van destinadas a desenvolver ou incrementar as capacidades innovadoras de empresas que xa teñen ou comezan a ter un desempeño innovador pero que necesitan apoio para sistematizar, potenciar ou desenvolver dita actividade coa que lanzar novos produtos e servizos ou mellorar os seus procesos. No 90% dos plans concedidos, as compañías colaborarán con algún organismo de investigación con sede en Galicia, polo que a convocatoria reforza a aposta pola innovación colaborativa que se trata de impulsar desde o Goberno galego a través doutras convocatorias como as Unidades Mixtas de Investigación, por exemplo. As axudas permitirán o mantemento ou creación de 263 postos de traballo e inclúe, tamén, a participación de 167 empresas provedoras.

O 45% dos apoios resoltos destínanse a pequenas empresas (22), mentres o 33% (16) son para microempresas e as 11 restantes son para medianas empresas. Ademais, aínda que se apoiarán unha gran variedade de sectores, o que recibiu más apoios -un 24%- é o das TIC, sendo tamén salientable a presenza de empresas da industria da madeira e o moble, que acaparan o 8% das solicitudes.

A industria forestal

Ao respecto, Conde apuntou a importancia da industria forestal en Galicia composta por 3000 empresas das que o 37% pertencen á primeira transformación e o 63% ao ámbito relacionado coa carpintería e o mobiliario. En Galicia, ademais, existen máis de 80.000 propietarios forestais que cortan madeira e 2800 comunidades de montes. Trátase, ademais, dunha industria que exportou nos primeiros 9 meses do ano máis que en todo o 2016: 673 millóns de euros, un 12,7% máis, sendo Galicia a segunda Comunidade máis exportadora. Galicia, ademais, é a terceira autonomía que máis vendeu ao exterior grazas ao empuxe de sectores como o contract.

A Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, está a traballar para trasladar a innovación a este ámbito, para acadar que as pemes da cadea monte-industria sexan máis competitivas. Para iso, trabállase nun Plan estratéxico para identificar novas oportunidades para esta industria e nun Plan de formación para que os profesionais do sector poidan especializarse en habilidades de carácter máis tecnolóxico.

A innovación, en palabras do conselleiro, preséntase como un recurso indispensable para acadar un monte máis produtivo desde o punto de vista da sustentabilidade e a ordenación. Así, puxo en valor as propostas presentadas no coworking do CIS Madeira para facer unha industria forestal cada vez máis competitiva. Animou, por último, aos participantes a aproveitar estes espazos coworking, xa que, segundo explicou, son “unha plataforma para identificar as oportunidades de negocio”.

5 de decembro de 2017 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.