publicidade hoxe

Expourense acollerá durante dous días a décimo oitava edición de ‘Megaxove’ salón da xuventude

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaOurenseOurenseXuventude
A-
A+

O Salón da Xuventude Megaxove cumpre a súa maioría de idade e converterá un ano máis a Expourense no punto de encontro da mocidade galega durante os dous días que dura o certame.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na rolda prensa de presentación da décimo oitava edición de Megaxove que conta coa colaboración de 21 expositores entre os que se atopan asociacións culturais e xuvenís galegas, federacións e clubs deportivos, ou empresas especializadas na educación e formación dos máis novos. Os días 5 e 6 de decembro este certame ofrecerá máis de 30 actividades de lecer e deportivas.

Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente. “Valores, todos eles, que dende a Xunta de Galicia non podemos deixar de apoiar e estimular e, por iso, un ano máis, sumámonos a este proxecto” asegurou Díaz Mouteira, aludindo á colaboración prestada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e da Secretaria Xeral para o Deporte.

Marisol Díaz referiuse, na súa intervención, á conmemoración do Día Internacional do Voluntariado que se celebra mañá, día 5, coincidindo coa apertura do certame. Aludiu ás preto de 1000 asociacións que integran a Rede de Voluntariado Galego e subliñou que a nosa Comunidade é unha das máis comprometidas e con maior índice de participación neste ámbito, contando na actualidade con 40.000 persoas voluntarias. Neste senso, asegurou que Megaxove é “o mellor escaparate para dar a coñecer as actividades relacionadas co lecer, a cultura ou o deporte que organizan durante o ano as distintas asociacións e clubs sen ánimo de lucro nas que están implicados os voluntarios e voluntarias de todo Galicia”.

Entre as principais novidades desta edición destaca a celebración de obradoiros de programación e impresión 3D e de robótica e exhibición de drons, así como unha aula de realidade virtual instalada pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As entidades participantes aproveitarán esta cita para promover a recollida de produtos alimentarios nunha nova edición da “Operación Quilo” organizada pola Asociación Amencer co obxectivo de destinalos ás familias máis desfavorecidas da provincia. Ademais, tamén se recollerá material escolar (libretas, lapiceiros, marcadores, etc.) para unha campaña promovida polo Rally Solidario de Galicia Sport Raid Team e a Escudería Ourense Raid.

4 de decembro de 2017 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.