publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta potencia o voluntariado ambiental cun proxecto europeo centrado en 17 espazos imán de Galicia

Presentación da iniciativa no parque do Lago da Cidade da Cultura

Presentación da iniciativa no parque do Lago da Cidade da Cultura

A Xunta de Galicia impulsa un novo proxecto europeo de voluntariado ambiental que se desenvolverá en espazos naturais protexidos da Comunidade. Trátase da iniciativa Vida Permanente con Voluntarios – Life Evergreen with Volunteer’ (LEWO), aprobado ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea, que hoxe presentaron no parque do Lago da Cidade da Cultura o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero; e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto.

O obxectivo de LEWO é potenciar o patrimonio natural de Galicia a través da creación dun grupo de xuventude voluntaria formado por 300 mozos e mozas galegos entre os 18 e os 30 anos de idade inscritos no Corpo Europeo de Solidariedade. Ata xuño de 2019 e en varios fluxos, estes voluntarios realizarán diferentes actividades de protección, sensibilización e mantemento de 17 espazos imán de Galicia: o Parque Nacional das Illas Atlánticas, os seis parques naturais da comunidade, o monumento natural da praia das Catedrais, espazos da Rede Natura 2000, as Reservas da Biosfera coas que conta a comunidade e O Courel. Prevese unha reserva dun 10% das prazas para xente nova con diversidade funcional.

En concreto, os participantes neste proxecto levarán a cabo actividade de limpeza, sinalización, catalogación de flora e fauna, loita contra especies exóticas prexudiciais para os hábitats, así como obradoiros didácticos e de sensibilización ou actividades de ocio educativo. Os voluntarios e voluntarias realizarán as súas accións durante 105 días, dos cales os sete primeiros serán de formación cunha xornada en Santiago e seis xornadas prácticas nos propios espazos de actuación. Os participantes contarán cunha axuda de 4 euros ao día e axuda para os gastos de desprazamento. Asemade, o proxecto tamén procura a concienciación en centros educativos e familias dos ámbitos territoriais en que se emprazan os espazos naturais obxecto da intervención.

A iniciativa conta cun orzamento de 800.162 euros, do que a Consellería de Política Social contribúe cun 33% (267.735 euros) e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio cun 7% (53.750 euros). Ademais, a Consellería de Medio Rural participará no proxecto a través da formación dos mozos e mozas que se impliquen como voluntarios. Cómpre salientar que ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea soamente resultaron aprobados tres proxectos, dous en España e o outro en Italia. Ademais, no caso de Galicia dáse a circunstancia de que se trata de unha iniciativa impulsada desde a propia administración, e non desde entidades do sector que é o máis habitual.

Na súa intervención, o conselleiro de Política Social salientou que con este proxecto “estamos dando resposta ás inquedanzas da mocidade ao respecto do coidado do medio ambiente, ao mesmo tempo que contribuímos á preservación dos nosos contornos naturais máis importantes e tamén á sensibilizar á poboación en xeral sobre a importancia da preservación dos mesmos”.

Asemade, Rey Varela puxo en valor o feito de que esta iniciativa permitirá que Galicia continúe situada á vangarda en materia de voluntariado, segundo o informe do Observatorio da Plataforma do Voluntariado de España. De feito, Galicia é a Comunidade Autónoma máis participativa no conxunto do estado.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destacou unha acción relevante dentro deste proxecto piloto, como a redución da pegada de carbono. Así, os voluntarios participantes sensibilizarán ás súas familias e ás empresas locais próximas sobre como reducir a pegada de carbono, é dicir, reducir as emisións de CO2 nocivas.

Beatriz Mato destacou o valor desta iniciativa cuxa filosofía se reduce en tres conceptos: accións, porque é un programa de activa aos mozos; protección, fomenta o coidado pola natureza da Comunidade; e difusión, porque aqueles que protexen a natureza teñen a misión de difundir os seus valores.

Por último, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou a importancia do programa LEWO para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de respectar a natureza e a biodiversidade, procurando un uso e aproveitamento sostible dos seus recursos e nomeadamente dos forestais. Neste sentido, insistiu nos conceptos de concienciación, ordenación e prevención como claves para a posta en valor do monte.

A titular de Medio Rural lembrou ademais a relevancia do sector forestal en Galicia, que se pon de manifesto cos 2.000 millóns de euros anuais que xera, as 3.000 empresas e os aproximadamente 70.000 empregos directos e indirectos que representa na nosa comunidade.

Ámbitos de intervención

Os espazos naturais que serán obxecto deste innovador proxecto son o Parque Nacional das Illas Atlántica e os seis Parques Naturais de Galicia: as Fragas do Eume, o complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Vixán e Carregal, o monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e a serra de Enciña da Lastra.

Así mesmo, os voluntarios realizarán actuacións de preservación e coidado no monumento natural da praia das Catedrais; e en dous espazos da Rede Natura 2000: Carnota-Monte Pindo e Ribeira Sacra, e canóns do Sil.

Tamén hai contempladas intervencións nas seis Reservas da Biosfera de Galicia: Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; río Eo, Oscos e Terras de Burón; área de Allariz; as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Terras do Miño e a tranfronteiriza do Xurés-Gerês. E unha última zona obxecto desta iniciativa é O Courel.

5 de decembro de 2017 | 15:18 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario