publicidade hoxe

A Xunta porá en servizo no primeiro semestre de 2018 as prazas residenciais do centro de maiores de Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRedondela
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou este mediodía o centro de maiores de Cesantes, nesa localidade pontevedresa, integrado na rede autonómica e dependente da Consellería de Política Social.

Esa infraestrutura, na que a Xunta investiu máis de 2 millóns de euros, entrou en servizo en decembro de 2016 -despois da sinatura o ano pasado do convenio de colaboración co Concello de Redondela para a súa xestión- e conta na actualidade con 17 usuarios no seu centro de día (13 a xornada completa e 4 a media xornada).

Perfecto Rodríguez mostrouse satisfeito polo bo funcionamento do centro de Cesantes e avanzou que, “no primeiro semestre do próximo ano 2018, entrará en servizo tamén a súa parte residencial, situada na primeira planta do edificio, que ofertará un total de 24 prazas”. Así mesmo, o xerente do Consorcio lembrou que ese centro “ampliará tamén ata 25 as súas prazas de centro de dia”.

O centro de maiores de Redondela, xestionado polo Consorcio, está situado a poucos metros do porto de Cesantes e dispón dunhas modernas instalacións de máis de 1500 metros cadrados construídos, repartidos entre soto, planta baixa e primeira planta, nunha parcela que ocupa en total case 3000 metros cadrados.

O convenio asinado polo Consorcio e o Concello de Redondela para a xestión deste centro axústase ás condicións estipuladas no Acordo Marco subscrito en maio de 2016 pola Consellería de Política Social e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que establece o co-financiamento que os concellos deben aboar ao Consorcio, tanto nos centros de día, como nas escolas infantís da rede “A Galiña Azul”. Ese Acordo Marco foi aprobado por unanimidade por todos os grupos políticos con representación na FEGAMP.

5 de decembro de 2017 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.