publicidade hoxe

A Xunta iniciará as obras de mellora de seguridade viaria na estrada PO-331 o vindeiro ano cun investimento de case 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal Portada
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, presentoulles hoxe aos representantes da asociación de empresarios da Pasaxe o proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada PO-331, na zona do polígono de Vincios, en Gondomar, cuxas obras se iniciarán en 2018, cun investimento de case 500.000 euros.

Menéndez explicou que este proxecto está enmarcado no Plan de eliminación de tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas da área de Vigo, que contempla un orzamento de 5,5 millóns de euros para suprimir 18 puntos negros en 6 vías nesta lexislatura.

No que se refire á intervención na estrada PO-331, en Gondomar, no acceso ao polígono da Pasaxe, reordenaranse varias interseccións para mellorar a fluidez do tráfico e reforzar a seguridade nesta área na que tamén se atopa o acceso á autoestrada AG-57.

O director da AXI indicou que a Xunta someterá este proxecto ao proceso de información pública a finais deste mes ou principios do próximo co fin de licitar as actuacións no vindeiro ano e poder comezar os traballos.

Francisco Menéndez explicoulles hoxe aos empresarios as características da proposta para este treito co obxectivo de que cando se inicie a información pública poidan formular as alegacións correspondentes que o Goberno galego estudará para introducir posteriormente as melloras necesarias.

O responsable da Axencia Galega de Infraestruturas avanzou que o Executivo autonómico continuará presentando nas próximas semanas os proxectos restantes para suprimir os tramos de concentración de accidentes nesta área de Vigo e noutras da comunidade.

O Goberno galego continúa traballando no seu firme compromiso coa seguridade viaria e avanzando un novo paso na consecución dos obxectivos marcados no Plan de seguridade viaria 2016-2020: a redución nun 50% das vítimas mortais nas estradas galegas con respecto ás do ano 2011. Así, cumpriríase coa resolución aprobada unanimemente polo Parlamento galego o 4 de outubro de 2017, no marco do debate do Estado de Autonomía.

5 de decembro de 2017 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.