publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta financiará a redacción do novo PXOM de Abegondo co obxectivo de que estea aprobado nesta lexislatura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, e o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deste concello, por un importe total de 151.826 euros.

O obxectivo deste convenio é dotar a Abegondo dun novo PXOM que, previsiblemente, podería estar aprobado antes de que remate a actual lexislatura. Cómpre lembrar que en virtude da Lei 2/2016 do Solo de Galicia axilízanse considerablemente os trámites dos novos planeamentos, de tal forma que, unha vez contratada a redacción do PXOM, estímase un prazo de 24 meses de tramitación do documento ata a súa aprobación definitiva.

A Xunta de Galicia ten atribuídas as competencias específicas en materia de urbanismo, entre as que se atopan o fomento da redacción dos plans municipais co fin de que os concellos galegos dispoñan de documentos de ordenación do territorio adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento urbanístico.

Entre estes labores para fomentar que os municipios desenvolvan plans propios cómpre sinalar as ordes polas que se regula a concesión de axudas a entidades locais para formulación do plan urbanístico. No caso concreto de Abegondo, o Goberno galego asumirá o financiamento do 100 por cen do custo xa que, tal e como recollen as normas de financiamento aplicables a estes convenios, prevese que ao tratarse dun concello de menos de 5.000 habitantes a Xunta financie a totalidade do importe de redacción do PXOM.

Así mesmo, a Consellería de Medio Ambiente tamén asume un labor de fomento para que os concellos teñan os documentos dos plans municipais adaptados á lexislación vixente e ás características particulares previstas para o seu desenvolvemento urbanístico. Neste sentido, cómpre lembrar que o PXOM de Abegondo foi anulado en abril de 2016 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), unha decisión ratificada este ano polo Supremo e que deixou na práctica ao concello sen planeamento municipal.

O importe do convenio abonarase en catro anualidades e o pago das mesmas estará ligado á tramitación do plan xeral, polo que o Concello de Abegondo terá que acreditar os pasos e avances na redacción do mesmo.

Así, o Concello de Abegondo deberá efectuar a aprobación inicial en pleno do documento do PXOM e facilitarlle á Xunta o acceso a todo tipo de información que teña relación coa tramitación do plan xeral de ordenación municipal.

18 de decembro de 2017 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.