publicidade hoxe

A Xunta colabora con Cáritas Ferrol na ampliación do centro de inclusión social Gabriel Vázquez Seijas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou hoxe unha visita ao novo centro de día e inclusión social Gabriel Vázquez Seijas, pertencente a Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol. Unha visita que o titular autonómico aproveitou para coñecer aos novos integrantes da Xunta Directiva da entidade aos que avanzou “o compromiso e colaboración do Goberno galego no obxectivo común que compartimos de mellorar as condicións de vida daqueles que máis nos necesitan”.

Durante o transcurso da súa visita, Rey Varela lembrou que a Consellería de Política Social vén de facer pública a resolución da nova orde para a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para o bienio 2017-2018, pola que Cáritas recibirá 188.587,14 €. Nomeadamente, 164.899,50 € para a ampliación do centro de día e inclusión, e 23.687.64€ para a mellora do equipamento. E, ao fío, lembrou que no marco da dita orde para o período 2016-2017, a entidade recibiu 150.000 euros para o financiamento das obras que permitiron habilitar os espazos de cociña, comedor, aulas de formación, punto NET e a biblioteca do centro.

O titular autonómico destacou a Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol como “un exemplo de traballo en prol da promoción, orientación e coordinación da acción inclusiva no norte de Galicia” ao tempo que subliñaba a calidade desta nova infraestrutura.

Orde para a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social

A Consellería de Política Social vén de resolver a orde para a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e de inclusión social para os anos 2017 e 2018. Esta liña de axudas contou cun orzamento de 8,3 millóns de euros para dito bienio, o que representa un aumento do 23% con respecto ao investimento realizado nos anos 2016 e 2017. Un total de 122 entidades se verán beneficiadas con estas achegas.

18 de decembro de 2017 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.