publicidade hoxe

A Xunta aposta polas casas niño para a conciliación no rural galego e a dinamización da economía local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFolgoso do CourelLocal Portada
A-
A+
Amparo González na visita á casa niño de Folgoso do Courel

Amparo González na visita á casa niño de Folgoso do Courel

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, visitou esta mañá a casa niño de Folgoso do Courel, que abriu as súas portas o pasado mes de febreiro e que presta servizo a oito familias deste municipio lucense. A provincia de Lugo conta na actualidade con oito casas niño en funcionamento que facilitan a conciliación ás familias que residen en contornos rurais, posto que son un servizo gratuíto para a atención personalizada de menores de 0 a 3 anos no propio domicilio dunha coidadora ou coidador acreditado profesionalmente.

Durante a visita, Amparo González fixo fincapé na boa acollida que están a ter as casas niño, xa que ademais de atender ás necesidades de conciliación dos pais e nais que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes impulsan o autoemprego e axudan á fixación de poboación no territorio. No caso concreto de Folgoso do Courel, cómpre sinalar que no que levamos de ano teñen nacido nesta vila oito nenos e nenas. Ademais das medidas de apoio á natalidade da Xunta de Galicia, o propio concello tamén ten establecidas axudas ao nacemento de fillos ou fillas.

Galicia dispón a día de hoxe de 30 recursos deste tipo operativos e o obxectivo da Consellería de Política Social é seguir a impulsalos. De feito, os orzamentos autonómicos de 2018 contemplan unha partida económica de 1,4 millóns de euros para o mantemento das casas niño que xa están en marcha e o financiamento de novos equipamentos. A Xunta sufraga o custo da reforma e adaptación da vivenda que se destina a casa niño, así como o equipamento, a dotación de material e a atención profesional prestada.

As casas niño é unha das iniciativas que se inclúen no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que a Consellería de Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- e o incremento das prazas sostidas con fondos públicos, ou a ampliación das bonificacións nas taxas nas escolas infantís do 25% para o segundo fillo ou filla e do 50% para o terceiro e sucesivos.

5 de decembro de 2017 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.