publicidade hoxe

A Xunta activa 6 programas integrados en Ourense que beneficiarán a 510 desempregados cun investimento de case 1,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

Un total de 510 persoas participarán nos 6 programas integrados de emprego que a Consellería de Economía, Emprego e Industria porá en marcha nas próximas semanas na provincia de Ourense e nos que o Goberno galego inviste case 1,2 millóns de euros.

As axudas van destinadas a concellos e entidades sen ánimo de lucro. Deste xeito, dos 6 plans que se desenvolverán na provincia de Ourense, 2 terán lugar no concello do Carballiño e na Mancomunidade Terra de Celanova, mentres que os 4 restantes corresponden aos presentados por CIMO, Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), Asociación Empresarial de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor) e Fundación Cupa.

Como novidade este ano, a Xunta tamén primou a aqueles proxectos nos que está implicado o tecido empresarial de cada zona co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca.

Plan específico para mulleres

Esta iniciativa inclúe tamén este ano por primeira vez a reserva dunha porcentaxe do orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres, como é o que vai desenvolver na provincia de Ourense CIMO, que cun investimento de 204.000 euros permite activar unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo. En concreto, 85 mulleres ourensáns participarán neste programa integrado específico para elas.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliñou que a gran vantaxe destes proxectos é que deseñan un itinerario integral e individual para os participantes e inclúen accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

Díaz Mouteira lembrou que os programas integrados de emprego, que teñen uno ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes.

A actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.

O Goberno galego, a través desta folla de ruta, vén activando ao longo deste ano diversos programas e axudas enfocados a ampliar as oportunidades laborais dos galegos e galegas como son os cursos de formación, os obradoiros, as lanzadeiras de emprego ou a iniciativa Formación á porta para cualificar a 500 mozos e mozas en 30 concellos do rural.

4 de decembro de 2017 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.