publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e Federación Galega de Fútbol asinan o acordo de colaboración para o impulso da igualdade e da loita contra a violencia de xénero neste deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta no acto para a defendsa da igualdade no fútbol

O presidente da Xunta no acto para a defendsa da igualdade no fútbol

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe a importancia de que as institucións e o mundo do deporte colaboren para educar na igualdade. E, nesta liña, avanzou, durante a sinatura do acordo de colaboración coa Federación Galega de Fútbol para o impulso da igualdade e da loita contra a violencia de xénero no ámbito do fútbol profesional, que esta fin de semana todos os equipos galegos de fútbol de primeira división, segunda e segunda B sairán ao campo con lazos violetas que simbolizan a loita contra a violencia machista.

Feijóo quixo aproveitar o acto para agradecer a todos os clubs galegos que militan nestas divisións pola súa implicación nesta campaña, “que é só un primeiro paso”, aseverou. Non en van, precisou que o obxectivo é implicar a todas as categorías, tanto do fútbol feminino como o fútbol afeccionado e base, para que a colaboración non se limite ao 25 de novembro senón que se estenda aos 365 días do ano.

“Necesitamos concienciar os máis novos e os afeccionados de que a violencia de xénero é intolerable”, sentenciou, incidindo en que o deporte ten moito que dicir e moito que axudar neste eido.

Se ben o mundo do fútbol deu pasos cara á igualdade nos últimos anos, especialmente nas categorías inferiores, o titular da Xunta avogou por seguir impulsando máis equipos femininos dentro da estrutura dos clubs deportivos; promovendo o acceso das mulleres á arbitraxe; e traballando para elevar os salarios que perciben as mulleres deportistas. “En definitiva, temos que seguir poñendo en valor a función social do deporte”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico reiterou que un dos asuntos nos que é imprescindible a existencia dun gran consenso é na loita contra a violencia de xénero. E lembrou que, froito desa percepción compartida, se impulsou por unanimidade na Cámara galega un pacto contra a violencia machista que se remitiu ás Cortes Xerais.

Así mesmo, recordou o impulso nos últimos anos de medidas na loita contra a violencia de xénero, como: máis coordinación na loita contra ela; máis axudas para as vítimas; atención xurídica 24 horas; a decisión de persoarse en todos os procesos penais de violencia de xénero con resultado de morte; e melloras nun eido clave como é o da prevención.

“E temos o maior orzamento da nosa historia para loitar contra a violencia de xénero; un plan estratéxico ata 2020 e un gran consenso social”, afirmou, ao que engadiu a necesidade de seguir traballando.

Feijóo concluíu facendo fincapé na importancia de que as vítimas se sintan en todo momento arroupadas: con apoio psicolóxico para superar a tráxica situación que viviron; con axudas e asesoramento; e con apoio legal.

22 de novembro de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.