publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xosé Monteagudo, Fernando Aramburu e Ralf Rothmann gañan o XXIII Premio San Clemente Rosalía-Abanca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Xosé Monteagudo coa novela en galego Todo canto fomos, Fernando Aramburu coa obra en castelán Patria e Ralf Rothmann coa narración en lingua estranxeira Morir en primavera fixéronse coa XXIII edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os gañadores déronse a coñecer hoxe nunha rolda de prensa celebrada no Salón de Claustros do instituto compostelán que contou coa participación do secretario xeral Valentín García Gómez.

Valentín García valorou positivamente “o papel central que teñen os lectores xuvenís na resolución do Premio San Clemente” e “o criterio mostrado nas últimas edicións polo alumnado que participa como xurado”. Tamén destacou “a importancia que ten este certame literario para poñer en comunicación os máis destacados escritores en lingua galega, española e do panorama internacional, así como para levarlle ao alumnado e ás súas familias a literatura galega máis actual”.

A canda o secretario xeral de Política Lingüística e o estudantado encargado de comunicar a decisión do xurado, participaron na rolda de prensa o director de Comunicación e Relacións Institucionais de Abanca, Isaac González Toribio, e director do IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda Soto.

Elección entre 9 finalistas

O premio San Clemente Rosalía-Abanca busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda) e IES Xelmírez I (Santiago de Compostela). A canda el, e como vén sendo habitual nas últimas edicións, colaborou na elección da mellor novela en castelán alumnado de español doutros seis centros educativos estranxeiros: Hockerill Anglo European College de Londres (Reino Unido), Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), Grimmelshausen Gymnasyum de Gelnhausen (Alemaña), Escola Secundaria de Santa Comba Dão (Portugal) e Colexio Rosalía de Castro de Moscú (Rusia).

Os mozos e mozas integrantes do xurado tiveron que elixir entre nove novelas finalistas. Non hai outro camiño, de Isaac Xubín; Nordeste, de Daniel Asorey e Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo, disputaron o premio en lingua galega. En castelán, a elección debeu facerse entre Esa puta tan distinguida, de Juan Marsé; La noche de la Usina, de Eduardo Sacheri, e Patria, de Fernando Aramburu. En lingua estranxeira, as novelas finalistas foron: Brújula, de Mathias Enard; La guitarra azul, de John Banville, e Morir en primavera, de Ralf Rothmann.

8 de novembro de 2017 | 17:14 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario