publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Turismo de Galicia aumentará ata os 3 millóns de euros as axudas para sinalización e accesibilidade turística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCartelleGaliciaLocal PortadaOurensePortada dereita
A-
A+
Nava Castro na visita a Cartelle

Nava Castro na visita a Cartelle

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do xefe territorial da Delegación da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e do alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, visitaron esta mañá as obras de sinalización e mellora dos accesos do Centro Ecuestre do Mundil, na localidade de Cartelle, que permiten pór en valor o enfoque turístico dos recursos deste concello ourensán.

Unhas obras que se levaron a cabo ao abeiro da liña de subvencións que Turismo de Galicia convoca anualmente para a mellora e sinalización dos recursos, da que este ano se beneficiaron máis de 150 concellos. Unha liña de axudas que en 2018 estará dotada, ademais, de 3 millóns de euros, incrementándose nun millón con respecto a 2017, como así se inclúe nos orzamentos de Turismo de Galicia para o próximo exercicio.

Trátase dun incremento que responde ao compromiso de Turismo de Galicia cos galegos e cos concellos das provincias da costa e do interior, aos que se lles axuda a conservar os seus recursos naturais e culturais para facilitar o seu aproveitamento turístico. É esta, ademais, unha das mellores maneiras de contribuír á dinamización das economías locais, axudar a xerar emprego e tamén para fixar poboación.

Do mesmo xeito, iniciativas como esta están a impulsar o progreso económico do medio rural, algo tamén moi presente na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego coa que se está a acompañar o crecemento planificado e ordenado do turismo, na que se inclúen medidas neste eido, como un dos recursos endóxenos a potenciar e con maior capacidade de crecemento.

Promoción do turismo activo

Turismo de Galicia aposta por crear experiencias no interior de Galicia, involucrando aos aloxamentos, restaurantes e oferta complementaria, pero tamén implementando medidas desestacionalizadoras con ofertas de escapada. Neste sentido, o Centro Ecuestre do Mundil, é un bo exemplo do que a práctica de actividades deportivas no medio natural pode aportar ao turismo ao combinar o coñecemento do medio rural co turismo activo e, neste caso, mesmo co turismo itinerante, coa súa área de caravanas.

9 de novembro de 2017 | 18:17 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario