publicidade hoxe

Seis concellos de Caldas recibirán 140.669 euros para contratar desempregados durante 9 meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá a resolución da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola que seis concellos da comarca de Caldas de menos de 10.000 habitantes poderán contratar a desempregados durante 9 meses a tempo completo.

O delegado territorial explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver as axudas do programa Aprol Rural. A actuación, que se desenvolve por segundo ano consecutivo, ten como principal obxectivo incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.

Deste xeito, na Comarca de Caldas, os concellos de Portas, Moraña, Catoira, Caldas de Reis, Valga e Cuntis recibirán unha axuda de 140.669 euros, o que lles permitirá contratar a un total de 12 traballadores, durante 9 meses a tempo completo.

O Goberno galego apoiará con 5 millóns de euros a contratación de 425 persoas sen emprego en 219 concellos do rural con menos de 10.000 habitantes. A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver as axudas do programa Aprol Rural, das que se informa hoxe no Consello da Xunta. A actuación, que se desenvolve por segundo ano consecutivo, ten como principal obxectivo incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.

Na convocatoria deste ano a Xunta introduce melloras con respecto a 2016, cando se puxo por primeira vez en marcha este programa. Así, increméntase de 6 a 9 meses a duración dos contratos e do 80% ao 100% o financiamento dos custes salariais totais.

Tal e como explicou o delegado territorial, as contías por cada traballador contratado poderán alcanzar os 20.250 euros, segundo o grupo de cotización do que se trate. “Terán preferencia nas contratacións os colectivos prioritarios en todas as políticas activas de emprego que desenvolve o Goberno galego, como son as mulleres, os menores de 30 anos, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social e aquelas persoas pertencentes a unha unidade familiar con todos os seus membros en paro”, engadiu Cores Tourís. Os traballadores e traballadoras a contratar deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Aprol Rural integrouse no programa Formación e emprendemento no rural que este ano activou a Consellería de Economía, Emprego e Industria con 30 millóns para fixar poboación nas zonas menos habitadas de Galicia. A iniciativa busca incentivar a contratación nestas localidades, incrementar a oferta formativa no rural adaptada á demanda das empresas e aumentar os niveis de emprendemento e de creación de empresas con medidas xa postas en marcha como Formación á porta ou a liña de axudas Galicia Emprende Rural.

Esta iniciativa se enmarca na Axenda 20 para o Emprego coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. A planificación do Goberno galego en materia laboral pretende a creación de polo menos 80.000 novos empregos e reducir a taxa de paro ata o 10%.

28 de novembro de 2017 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.