publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Rosa Quintana: “A Xunta apoiará calquera proxecto viable que implique unha saída empresarial para a planta de Calvo, en Esteiro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMurosPortada esquerda
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe no pleno do Parlamento que a Xunta apoiará calquera proxecto viable para a planta de Calvo, en Esteiro (Muros). Nesta liña, especificou que defenderá todas aquelas iniciativas viables que veñan da man dunha nova empresa ou da propia acción dos traballadores e que redunden en beneficio do emprego na industria conserveira da nosa comunidade.

Rosa Quintana adiantou que neste cometido a Xunta ofrecerá todo o apoio a un proxecto viable a través dos servizos e dos programas de axuda e financiamento existentes. Isto farase, dixo a conselleira, “sen deixar de verificar o cumprimento das condicións do traslado”. Neste aspecto, engadiu que “brindamos este apoio sabedores de que a conserva é un sector estratéxico e clave para Galicia no eido do emprego”.

Así, subliñou que desde que a finais de setembro se coñecese a decisión da empresa de poñer fin á actividade nesta planta o 1 de xaneiro de 2018, a Xunta vén analizando todas as circunstancias deste feito coa empresa e cos representantes sindicais. Non obstante, explicou que non é posible analizar unha suposta perda de emprego e os efectos do traslado da actividade á planta que a empresa ten en Carballo cando aínda se están negociando as condicións.

Neste sentido, recordou a decisión maioritaria das arredor de 100 persoas que traballan en Esteiro e que o pasado 3 de novembro se manifestaron a favor de negociar o traslado, o que hai que ter en conta, máxime cando se deben barallar as condicións ofertadas pola empresa e as demandas dos propios traballadores e traballadoras. Así expuxo que se debe considerar especialmente, entre outros aspectos, o compromiso de recolocación de todos os empregados na planta de Carballo.

En relación ao emprego na conserva, a conselleira explicou que os datos en Galicia van progresando, camiñando cara a unha tendencia de creación de emprego. Así, trasladou que no ano 2016, segundo datos de Anfaco-Cecopesca, un total de 11.630 persoas traballaban no sector conserveiro, fronte aos 11.035 do ano 2015. Tamén sinalou outro aspecto positivo que ten que ver coa calidade e a estabilidade do emprego neste sector, destacando que máis dun 70% do emprego é indefinido.

Neste sentido, lembrou que o aspecto laboral é un dos elementos clave do novo Plan Estratéxico da Industria Conserveira Galega Horizonte 2020 e que ten como meta garantir a continuidade, o crecemento, a estabilidade e a calidade do emprego no sector conserveiro galego.

Accións da Xunta ante un episodio de contaminación mariña

En resposta a unha pregunta sobre as accións que levaría a cabo a Xunta ante un episodio de contaminación mariña accidental, a conselleira do Mar insistiu en que en que Galicia é hoxe un dos espazos marítimos con maior e mellor protección e sinalou que se deron pasos adiante para mellorar a disposición de medios e operativos para afrontar un episodio deste tipo.

Neste aspecto, explicou que se avanzou no plano operativo de resposta xa que a día de hoxe contamos en España cun Sistema Nacional de Resposta ante a contaminación mariña. Así, indicou que antes de contar con este sistema, Galicia xa tiña elaborado o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan CAMGAL) que se modificou en outubro de 2016 para cumprir coas directrices establecidas polo Estado no Sistema Nacional de Resposta ante a contaminación mariña. O Plan CAMGAL, especificou, permite loitar da forma máis eficaz, operativa e eficiente posible ante un episodio de contaminación mariña xa que simplifica os órganos de resposta ante unha continxencia marítima.

Ademais, sinalou que tamén se avanzou no plano da dotación de medios, incorporando nos últimos anos os buques Irmáns García Nodal, o Sebastián de Ocampo e o Ría de Vigo, designado para o noroeste da Península Ibérica pola Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA), todos eles dotados con equipamento punteiro para a loita contra a contaminación. Tamén trasladou que hai dúas naves loxísticas de almacenamento de materiais para a loita contra a contaminación en Cambados e que se conta con contedores nos principais portos autonómicos e con material de Salvamento Marítimo en Fene.

22 de novembro de 2017 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.