publicidade hoxe

Román Rodríguez inicia unha viaxe institucional a México para afondar na internacionalización da universidade galega e participar na Feira do Libro de Guadalajara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inicia hoxe unha visita institucional a México co obxectivo de afondar na internacionalización do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e de apoiar a presenza de editores e escritores galegos na Feira Internacional do Libro de Guadalajara.

Neste sentido, e acompañado dos reitores das tres universidades galegas, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia asinará co secretario xeral executivo da Asociación Nacional de Universidades e Instituciones de Educación Superior de México (ANUIES), Jaime Valls Esponda, o Memorando de Entendemento para a colaboración na realización de actividades académicas, científicas e culturais entre a ANUIES e o SUG.

O acto enmárcase na Conferencia Anual da ANUIES, que se celebra na Universidade de Guadalajara ata o 24 de novembro, en cuxo contexto Román Rodríguez tamén se reunirá con persoeiros do mundo educativo e cultural de América Latina.

FIL de Guadalajara

Xa o sábado 25, o conselleiro participará na inauguración da Feria Internacional del Libro (FIL) de Guadalajara, que se desenvolverá ata o 3 de decembro. O encontro, fundado hai 31 anos pola Universidade de Guadalajara, é a reunión editorial máis importante de Iberoamérica.

Autores, axentes literarios, bibliotecarios, libreiros e máis de 2.000 editoriais de preto de 50 países participan cada ano nesta feira, que acada unha cifra de 800.000 visitantes. Ademais da caseta de Galicia, a Consellería apoia a presenza de catro autores galegos (Paula Carballeira, Federico Fernández, Mariluz Ferreiro e María Canosa) na FIL, a través de encontros con lectores, sinaturas de libros, conferencias, contacontos, presentacións etc.

Asemade, participan na feira, apoiados tamén pola Xunta, as editoriais Nova Galicia Edicións e Kalandraka.

23 de novembro de 2017 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.