publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Román Rodríguez destaca a profesionalización e o liderado dos equipos directivos como chave na mellora do sistema educativo

Román Rodríguez na xornada de formación específica

Román Rodríguez na xornada de formación específica

A formación dos equipos directivos dos centros de ensino é un dos elementos estratéxicos dentro do Plan de Formación do Profesorado deseñado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria . Precisamente para afondar en temáticas clave na función directiva, baixo o titulo “Formación Avanzada de equipos directivos”, hoxe desenvolvéronse unhas xornadas no CIFP Politécnico de Santiago que congregaron a uns 300 docentes con responsabilidades directivas de toda Galicia.

O liderado e fomento do traballo en equipo, a motivación, a xestión da información e toma de decisións, a convivencia positiva, a dirección estratéxica ou a xestión do cambio e da innovación, foron algunhas das cuestións obxecto de debate nunha xornada que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

Durante un encontro cos asistentes, Román Rodríguez subliñou a importancia de contar con equipos directivos ben formados, comprometidos e profesionalizados como garantía dun sistema educativo de calidade. Máis aló das tarefas de organización e xestión dun centro, o conselleiro destacou que a responsabilidade da dirección “é a dun liderado comprometido coa excelencia e coa innovación”. “Os equipos directivos sodes chave nas transformacións das estruturas educativas”, engadiu o conselleiro, que aproveitou para agradecer o esforzo e o interese amosado na súa formación permanente.

50 horas de traballo

A sesión de hoxe, de oito horas de duración, enmárcase dentro dun curso máis amplo de 50 horas de duración (31 horas de formación que se suman a outras 19 de traballo centrado no manexo de documentación e preparación das distintas sesións) que se completarán con outras tres sesións provinciais e unha sesión plenaria final.

Precisamente unha das novidades do Plan de Formación Permanente do Profesorado é a inclusión, por primeira vez neste curso, dun marco formativo específico vinculado á función directiva. Entre as actividades que se levarán a cabo ao longo deste curso ao abeiro da formación de equipos directivos, tamén está a formación continua sectorial (en función da tipoloxía de centros), a formación inicial para a función directiva e o programa de mentorado para equipos directivos.

Este programa forma parte, por tanto, da estratexia da Consellería de Educación para construír un itinerario formativo axeitado, que atenta tanto á formación inicial como á formación dos equipos directivos consolidados. O ano pasado leváronse a cabo sete actividades específicas para equipos directivos, que alcanzaron a 280 directores, incluída a formación inicial dos novos directores que este curso se estrean no cargo (168).

13 de novembro de 2017 | 16:39 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario