publicidade hoxe

Quintana defende a mellora da xestión e conservación dos recursos mariños para favorecer a produtividade da frota

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Intervención da conselleira Rosa Quintana

Intervención da conselleira Rosa Quintana

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe na Coruña a necesidade de contribuír á protección e á recuperación da biodiversidade mariña a través da mellora da xestión e conservación dos recursos e dos seus ecosistemas. Deste xeito, sinalou, “poderemos mellorar a produtividade das nosas frotas e, en correspondencia, incrementar a creación de emprego, incorporando máis persoas, máis familias e máis profesionais a esta actividade”.

Con esta fórmula, subliñou, “batemos record histórico no 2016 e as nosas lonxas alcanzaron o mellor dato dos últimos 20 anos, un valor de facturación de máis de 490 millóns de euros e un volume de descarga de produto fresco próximo ás 190 mil toneladas”. Así o destacou durante a inauguración do V Congreso de sustentabilidade social e económica do sector pesqueiro, organizado pola Fundación Rendemento Económico Sostible e Social (FREMSS).

En relación a esta cita, a titular de Mar explicou “que conxuga, con compromiso e ilusión, a promoción do sector, o discurso político, a innovación empresarial e a aplicación da investigación e dos coñecementos científicos ao servizo da pesca”. Neste sentido, expuxo que este evento é sinónimo de compromiso por coñecer de primeira man as preocupacións e os principais retos que debemos afrontar para a sustentabilidade social, a ambiental e a económica. Tamén compromiso, engadiu, por resolver problemas como a contaminación, a degradación dos ecosistemas, o esgotamento dos recursos e a perda de diversidade biolóxica, entre outros.

Ademais sinalou que este congreso tamén encarna a ilusión “por incrementar o noso peso industrial no conxunto da economía galega de forma sustentable e por defender o noso dereito á pesca de maneira responsable e garantindo a conservación e a ordenación dos nosos recursos”.

En canto ao peso de Galicia no eido pesqueiro, puxo de relevo diferentes aspectos da importancia desta actividade. Así, lembrou que a pesca e a súa cadea mar-industria xera un valor engadido bruto de máis de 1.100 millóns de euros e mantén unha relación económica con 64 das 81 actividades económicas da nosa comunidade. Ademais, indicou, Galicia desembarca case o 70% da pesca fresca de España e máis do 10% da Unión Europea e posúe máis do 50% do emprego marítimo-pesqueiro de España e máis do 10% da Unión Europea.

A conselleira tamén destacou o esforzo e dedicación do sector e de FREMSS na organización deste congreso e definiu esta fundación como o “altofalante que o sector pesqueiro coruñés e galego necesita para facer chegar á sociedade aquelas preocupacións, inquedanzas e problemáticas cuxa solución, en moitos casos, excede dun campo de actuación concreto e require dunha maior involucración social”.

O congreso

Neste quinto congreso organizado pola fundación FREMSS, profesionais, expertos universitarios, investigadores e representantes do sector público e privado, debaterán sobre a saída do Reino Unido da Unión Europea e as posibles consecuencias que a súa decisión traerá consigo para as relacións económicas, comerciais e laborais das nosas frotas.

Tamén analizarán a capacidade da Política Marítima Integrada para interconectar as industrias e as actividades humanas relacionadas co mar e determinaranse cales son os retos de participación do sector pesqueiro nas estruturas científicas de xestión pesqueira. Por outra banda, debaterase sobre a forma na que afecta a contaminación ao ecosistema mariño.

7 de novembro de 2017 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.