publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os “Versos e bolboretas” de Mónica Varela chegan ao Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaLocal PortadaSilleda
A-
A+

Versos e bolboretas A BandeiraO Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira acolle este venres 17 de novembro, ás 20.00 h, a presentación do poemario infantil ilustrado “Versos e bolboretas”, da autoría de Mónica Varela Gestoso.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada do escritor e profesor Xosé Luna –prologuista da obra-, do tamén escritor e profesor Carlos Loureiro –supervisor lingüístico do libro-, Juan Liñares –membro da directiva da A.C. Vista Alegre, a concelleira de Cultura, Turismo, Emprego, Deportes e Persoal do Concello de Silleda, Ana Luisa González e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García. Contarase, ademais, cun recitado de poemas a cargo de nenos, nenas e adultos.

A obra

Dirixida ao público infantil, Versos e Bolboretas constitúe unha obra sinxela de sentimentos e emocións. Sentimentos gardados na caixiña do peito que afloran no poema e xogan coas palabras. Feitos cotiáns como os xogos dos nenos, as súas primeiras palabras, un beixo, un sorriso, o son dun nome, enchen os poemas e presentan a poesía como un xogo. Pero un xogo serio e fermoso que afonda na sensibilidade e na descuberta dos tesouros ao alcance da nosa man no día a día; que converte as experiencias habituais en momentos inesquecibles e únicos.

Un total de 28 poemas que se acompañan de ilustracións destinadas ao público infantil e que correron a cargo de diversos ilustradores de A Estrada, Silleda e Vilanova de Arousa. En concreto, participaron no proxecto: Alba Lugo, Amalia López Brea “Luchi”, Anabel Montouto, Diego Porto, Francisco Alén “Picho”, Iago Castro, Juan Liñares, Manuel Fragoso, Marcela Santorun, María Armada e Ramiro Cimadevila. 

A autora

Mónica Inés Varela Gestoso, naceu na parroquia de San Miguel de Deiro no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa o 30 de novembro de 1968. 

Cursou estudos superiores na Universidade de Santiago de Compostela onde se licenciou en Filoloxía Hispánica no ano 1991. Na actualidade reside en Teo e exerce como profesora de Lingua e literatura castelá no IES Manuel García Barros da Estrada. Deuse a coñecer no panorama poético galego coa obra Soños de nenos (Edicións Embora, 2017), coa que acadou o Premio Arume de poesía para nenos 2015, outorgado pola Fundación Xosé Neira Vilas. 

Versos e Bolboretas, dirixida tamén ao público infantil, é a súa segunda obra.

15 de novembro de 2017 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.