publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O presidente galego inaugura a xornada Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Intervención do presidente galego na xornada

Intervención do presidente galego na xornada

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe, durante a apertura da xornada Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, por afrontar os retos globais do cambio climático desde as vilas e cidades, unidos para actuar, concienciar e cooperar. “Non é tempo para esperar, senón para actuar; non é tempo para negar, senón para concienciar, e non é tempo para distanciarnos, senón para cooperar”, sentenciou.

Durante o acto, no que participaron a Administración autonómica e preto de 100 alcaldes, Feijóo aseverou que, lonxe de ser unha ameaza, o cambio climático é xa un dano real e palpable que notamos todos a través da seca e o aumento das temperaturas; e incidiu na necesidade de facerlle fronte a través da colaboración e o traballo conxunto. “É a nosa responsabilidade trasladar á cidadanía a magnitude deste problema e traballar para atallalo. Pero só poderemos facelo se o facemos xuntos”, abundou.

Neste sentido, subliñou que este pacto para o clima e a enerxía cre no potencial do local para combater o cambio climático; e aposta por repensar o xeito de producir e consumir, así como por ser flexibles para que os proxectos futuros se adapten á nova realidade.

Consciente de que esta filosofía debe marcar os proxectos das cidades e vilas do futuro, Feijóo fixo fincapé en que isto non é posible sen unha implicación das administracións rexionais, locais e da sociedade civil. “E para facelo a Xunta ten xa diversas ferramentas para concienciar e actuar sobre os efectos do cambio climático”, dixo, ao que avanzou a posta en marcha, nos próximos meses, da Oficina Técnica para a promoción e coordinación do Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía en Galicia, coa misión de promover o acceso das entidades ao convenio, proporcionando asistencia técnica para as tarefas que teñan que elaborar as entidades adheridas.

“Apoiaremos os concellos cos coñecementos do marco regulador, lexislativo e económico e darémoslles un consello personalizado para cada caso”, aseverou, co fin de que a finais 2020 os 313 concellos de Galicia estean adheridos ao pacto.

Esta oficina será, ademais, a interlocutora a escala autonómica da xa existente Oficina do Pacto dos alcaldes de ámbito europeo. Para iso contarase coa unidade específica de observación e predición climática, Meteogalicia.

Así mesmo, lembrou que a Xunta conta xa con diversas ferramentas para concienciar e actuar sobre os efectos do cambio climático, como: a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático que no 2018 contará cun orzamento de máis de 20 millóns de euros. E a Estratexia de cambio climático e enerxía, sobre a que xa están a traballar desde xuño as seis mesas de expertos.

Sobre este punto, o responsable do Executivo autonómico adiantou que en maio do vindeiro ano se presentará esta estratexia que fixará as liñas de actuación de aquí a 2050 na loita contra o cambio climático. E trasladou tamén a firme intención da Comunidade de facerse escoitar nos foros internacionais, como xa fixo no Cumio do Clima de Nacións Unidas e formando parte da delegación española do Cumio de París hai dous anos.

A seca, proba dos efectos do cambio climático

Feijóo insistiu en que a seca proba que os efectos do cambio climático que algúns cuestionaban e outros directamente negaban é unha postura irresponsable e profundamente errada. “De aí a importancia deste pacto dos alcaldes para Europa e tamén para Galicia. Non queremos quedar atrás; queremos participar, intercambiar experiencias, deseñar políticas e acertar”, afirmou.

O presidente da Xunta concluíu incidindo en que neste momento non hai un obxectivo máis prioritario que o abastecemento e o saneamento da auga. Ao mesmo tempo fixo fincapé na necesidade de que os concellos prioricen dentro do Fondo de Cooperación Local o desenvolvemento deste tipo de infraestruturas, co obxectivo de evitar perdas innecesarias e concienciar os cidadáns de que a auga é un valor esencial.

28 de novembro de 2017 | 16:26 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario