publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O presidente galego anuncia a ampliación da idade do Bono Coidado ata os 12 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego na visita á Casa do Neno en Santiago

O presidente galego na visita á Casa do Neno en Santiago

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a ampliación do programa do Bono Coidado, de tal xeito que a partir de agora estará dirixido a familias con nenos menores de 12 anos. Un novo impulso a esta iniciativa, precisou, que sairá publicado no DOG este mesmo venres, día 10, polo que os pais poderán solicitar esta axuda xa a partir do sábado.

Durante unha visita ás instalacións da escola infantil Casa do Neno en Santiago, Feijóo aseverou que para levar a cabo esta medida, a Xunta habilitará un orzamento total de 3 millóns de euros, co obxectivo de prestar servizo a máis de 3.000 familias.

O titular da Xunta precisou que, ademais da ampliación da idade, o Bono Coidado introducirá tres melloras máis con respecto á convocatoria piloto. Así, subliñou que, ademais de podela solicitar os pais, titores ou persoas que tivesen o neno en acollemento familiar, esta iniciativa tamén será accesible para persoas en situación de garda preadoptiva; incrementarase o número total de horas de coidado ao que teñen dereito as familias con máis dun fillo –un 15% máis de horas-; e simplificarase o procedemento para xustificar a axuda, coa presentación dun recibín do coidador.

Así mesmo, a contía da axuda estará determinada pola renda familiar: desde 14 euros/hora, para unha renda familiar per cápita de ata 3.750 euros, a 7 euros/hora para unha renda familiar per cápita de entre 10.000 e 13.500 euros, sempre que o total de renda da unidade familiar non supere os 45.000 euros.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que as familias non terán que agardar a que xurda unha necesidade puntual para solicitar o Bono Coidado, “de tal xeito que, desde este sábado mesmo, poderán entrar a formar parte dunha bolsa de horas de coidador, que poderán contratar cando o precisen”.

Se ben o Bono Coidado é unha das medidas dentro do Programa de Apoio á Natalidade, o presidente da Xunta lembrou que, ademais, as familias galegas dispoñen hoxe do maior número de prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, un 80% máis que en 2009; de deducións fiscais; do Bono Concilia, que axuda a pagar unha escola infantil a aquelas familias que non obtivesen praza nunha pública; “e as casas niño nas contornas rurais son xa un feito en máis de 30 concellos”, engadiu.

Ademais da ampliación do Bono Coidado, Feijóo aseverou que para o vindeiro ano, os pais poderán dispoñer dunha Tarxeta Benvida estendida ata os 3 anos para as familias con rendas baixas, e dunha nova bonificación nas taxas das escolas infantís, do 25% para o segundo fillo e do 50% para o terceiro e sucesivos.

Por último, o responsable do Goberno galego resaltou tamén a posta en marcha das primeiras axudas para realizar obras en escolas infantís de iniciativa social, destinadas a mellorar a accesibilidade e o equipamento, entre outros aspectos.

Nesta primeira convocatoria foron xa unha trintena as escolas infantís beneficiadas cunhas axudas de entre 2.500 e 25.000 euros.

8 de novembro de 2017 | 16:48 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario