publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Plan reitor de usos e xestión do parque das Illas Atlánticas de Galicia permitirá a pesca e o marisqueo sostible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Ana María Díaz na presentación do documento de inicio

Ana María Díaz na presentación do documento de inicio

O futuro Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia plantexa permitir a pesca e o marisqueo sostible. Así o trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, ás Federacións provinciais de pesca e marisqueo da Coruña e Pontevedra, quen indicou que se trata dunha das novidades que recollerá o futuro PRUX, que agora está na fase de participación pública.

Díaz López indicou que a proposta será promover políticas en materia de aproveitamento tradicional e sostible dos recursos mariños naturais, que fomenten o mantemento nun estado de conservación favorable os núcleos poboacionais e as áreas prioritarias das especies de interese. Tamén se fomentará o mantemento das actividades profesionais de carácter tradicional existentes e que se atopen reguladas polo organismo autonómico competente en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo e acuicultura.

A directora xeral explicou que para facer compatible o aproveitamento sostible coa conservación elaborarase un código de boas prácticas para facer da actividade pesqueira unha práctica sostible, que será consensuado coa Consellería de Mar. Outra das novidades que prevé recoller o PRUX é a comercialización dos produtos obtidos da actividade pesqueira e marisqueira dentro do ámbito do Parque Nacional baixo unha marca de calidade, que se desenvolverá cun regulamento específico.

Tamén se promoverá a instalacións progresiva dun sistema de seguimento de embarcacións a fin de mellorar a seguridade das persoas e unha maior eficiencia na xestión dos recursos. Tal e como explicou a directora, tamén se proporá desenvolver os correspondentes plans de xestión, así como as normas técnicas que os desenvolven, nos que se concretará unha memoria biolóxica, os recursos, cotas e réximes de exclusión, balizamentos, puntos de descarga , control e venda, un programa de seguimento e control e o período de vixencia.

Asemade, aclarou que se considerarán prohibidos os novos establecementos e as instalacións de acuicultura en todo o ámbito do Parque Nacional, agás os parques de cultivo de Carril.

Usos na zona marítima

A directora xeral de Patrimonio Natural explicou que a razón pola que se permite compatibilizar as actividades pesqueira tradicionais e a conservación é a proposta para o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia dunha nova zonificación na que se establezan por primeira vez os posibles usos no medio mariño das diferentes illas.

Indicou que se ten en conta, por primeira vez nun parque, o criterio bidimensional, a dimensión vertical do medio mariño. É dicir, valórase a columna de auga, os fondos mariños e as isóbatas, co fin de delimitar os usos nas distintas profundidades e ecosistemas.

A implantación deste criterio implica diferenciar zonas mariñas de uso moderado na superficie das augas mariñas e permitir así actividades e usos na superficie mentres que os fondos serían incluídos dentro doutra categoría de zonificación (zona mariña de reserva, zona mariña de uso restrinxido), co que se pretende garantir o desenvolvemento de actividades e usos coa conservación do valores do parque natural. Deste xeito, diferénciase un uso distinto ao da superficie (permitindo a navegación, por exemplo) e nos fondos mariños un uso máis restrinxido ou incluso de reserva.

A Xunta persegue con este proxecto o obxectivo global de manter, ou restablece, o estado de conservación favorable dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna de interese para a conservación, tendo en conta as esixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais.

Coas achegas que se presenten, así como a totalidade da información que recompile a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, elaborarase o Plan reitor que se tramitará como decreto coas súas correspondentes fases.

O PRUX será a folla de ruta na que se detallarán os obxectivos e os criterios de xestión do parque nacional, establecendo a normativa de protección, a regulación de aproveitamentos, a zonificación e as actuacións expostas para o próximos dez anos en materia de conservación, uso público, investigación, seguimento.

28 de novembro de 2017 | 15:38 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario