publicidade hoxe

O Igape destaca a estratexia de internacionalización da empresa galega como clave para o crecemento sostido das exportacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe, durante a inauguración da IV Edición de Exporpymes, o incremento das exportacións como fundamental para que as empresas galegas medren e sexan máis competitivas, contribuíndo así ao crecemento da economía galega.

Salientou os avances en internacionalización citando o continuado crecemento en 2017 das exportacións de Galicia, despois dun ano histórico 2016 no que se superaron por primeira vez os 20.000 millóns de euros. Segundo destacou Cividanes as exportacións medran, ata o pasado mes de agosto, un 8,4%, e Galicia conta coa segunda mellor balanza comercial de España, sumando 2.787 millóns de euros.

O director do Igape destacou a Estratexia de internacionalización como instrumento clave para explicar estes avances do comercio exterior galego e para o reto de acadar coas exportacións, en 2020, un valor do 40% do PIB, ata os 23.000 millóns de euros, aumentar o número de empresas de base exportadora e promover a atracción de investimentos a Galicia. Desenvólvese así positivamente o eixo da Axenda Galicia-Industria 4.0 centrado na penetración en mercados exteriores, engadiu.

Cividanes lembrou, igualmente, que os excelentes resultados son froito da ambición e do esforzo continuado das empresas galegas, colaborando en proxectos colectivos ou apoiadas por asociacións de carácter empresarial. Tamén puxo en valor o esforzo de apoio continuado da Xunta, especialmente a través do Igape, como fiestra única para achegar servizos e axudas para a internacionalización das empresas.

Arredor de 300 empresas, 200 galegas e 100 de 18 países diferentes, participarán este ano en Exporpymes, a mostra organizada pola Cámara de Comercio da Coruña, para buscar novas oportunidades de negocio ou alianza internacional. As empresas galegas poderán manter encontros con importadores de mercados tan diversos como Colombia, Estados Unidos, México, Reino Unido, Perú, Marrocos, Chile, Polonia ou Portugal.

A Xunta de Galicia prevé manter o esforzo no progreso das exportacións, con iniciativas como o Plan Foexga, mediante novas convocatorias de axudas a través do programa Galicia Exporta ou apoiando eventos como Exporpymes, fundamentais para que as empresas participantes poidan localizar e aproveitar novas oportunidades de negocio internacional.

14 de novembro de 2017 | 16:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.