publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica o decreto polo que se dispón a urxente ocupación dos bens afectados polo proxecto de construción dunha pasarela metálica na Ponte de San Xulián, en Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRedondela
A-
A+

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dunha pasarela metálica na ponte de San Xulián, concretamente, na marxe dereita da estrada PO-250, no punto quilométrico 0+160, ao seu paso polo Concello de Redondela. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/H4fW3e.

Esta actuación, para o que só e necesario expropiar unha finca, será licitada nas vindeiras semanas e suporá un investimento da Administración autonómica de algo máis de 133.000 euros.

As obras proxectadas permitirán completar un itinerario peonil continuo no tramo urbano de Redondela, que actualmente se atopa interrompido á altura da ponte de San Xulián pola marxe dereita, ademais de poñer en valor o cruceiro do Peto de Ánimas de Pasais.

Para elo, construirase unha pequena pasarela metálica adosada á ponte existente sobre o rego Alvedosa, á altura do punto quilométrico 0+160 da estrada, no núcleo urbano de Redondela. Esta infraestrutura levarase a cabo na marxe dereita da obra de paso e contará cun ancho mínimo de 2 metros, polo que permitirá a circulación de peóns e ciclistas en condicións seguras.

Ademais, prevese o acondicionamento da contorna do peto de ánimas de Pasais, situado ao carón da estrutura actual, mediante o recheo e pavimentación con lousa de granito do contorno. Desta forma conseguirase unha zona transitable ao redor deste elemento patrimonial de interese.

As obras previstas comprenden tamén a reposición de firmes, pavimentos e paso de peóns, a drenaxe da senda peonil para evitar na base do cruceiro posibles empozamentos de auga, a sinalización, balizamento e defensas e a reposición dos servizos afectados. Ademais da instalación de iluminación na senda peonil e no cruceiro.

23 de novembro de 2017 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.