publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O CGAC propón unha lectura da arte galega contemporánea a partir de obras da súa colección

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Centro Galego de Arte Contemporánea propón no seu novo proxecto expositivo un achegamento á arte galega das últimas décadas ata hoxe a través de obras da súa colección, dunha trintena de artista, entre os que se inclúen nomes de referencia como os de Antón Lamazares, Menchu Lamas, Xosé Lodeiro, Mónica Alonso, Luis Caruncho, Pamen Pereira, Manuel Mampaso, Manolo Paz, Francisco Leiro, Reimundo Patiño, Manolo Moldes, Montse Rego, Silverio Rivas, Ánxel Huete e Din Matamoro, entre outros.

Baixo o título Modelo x armar. Arte en Galicia na Colección do CGAC, a mostra foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo seu comisario, e director do centro, Santiago Olmo, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou que “algunhas das obras que forman parte da exposición nunca foron exhibidas ata o momento”. É o caso da peza Tampouco o mar dorme, de Pamen Pereira, creada en 2015 e adquirida polo CGAC este mesmo ano; e tamén da obra Cariátide, corpo en cambio, da artista Marta Lorenzo, mercada polo centro en 2015. Doutras pezas da mostra o secretario xeral recordou que é a primeira vez que se exhiben no CGAC, como o colaxe Espantallo, de Manuel Facal.

O papel da arte na construción de Galicia

Puxo tamén en valor Anxo Lorenzo o papel levado a cabo polo colección do CGAC nas últimas décadas, desde o momento da súa posta en marcha, en 1995, e o papel que segue a desempeñar actualmente no contexto artístico galego; un papel que considerou “imprescindible, non só polo que supón desde o punto de vista do patrimonio artístico galego, senón tamén como construción dunha historia común de Galicia”, afirmou.

Parafraseando o título da novela de Julio Cortázar 62/Modelo para armar, a exposición estrutúrase en tres seccións de carácter cronolóxico. A primeira abrangue os anos cincuenta e sesenta, nos que se constrúe unha idea de abstracción; a segunda inclúe as décadas dos setenta e os oitenta, nas que se contrapón unha arte de carácter normativo e xeométrico a unha visión máis xestual e figurativa. Por último a terceira sección, que chega ata a actualidade, arranca nos anos noventa, coincidindo coa creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e coa apertura do CGAC en 1993.

Este período máis actual caracterízase por unha relevante presenza de artistas mulleres, polas conexións internacionais, que tamén potencia o CGAC desde os seus programas expositivos e desde a súa colección, así como por unha apertura á fotografía, ao vídeo ou a instalación, e mais a temas conectados con cuestións de xénero ou sociopolíticas, tratados desde unha multiplicidade de perspectivas.

A exposición, na que se inclúen algunhas obras da colección internacional do CGAC co obxectivo de contextualizar historicamente o traballo dos artistas galegos e poder establecer un diálogo con outras liñas estéticas do momento, poderá verse ata o 25 de febreiro, na entrada e na planta soto do CGAC.

Programación de actividades

Ao abeiro desta nova exposición desenvolveranse diversas iniciativas. Esta tarde, ás 19:30 horas, previamente á inauguración da exposición, presentarase o Proxecto de catalogación da colección CGAC, a cargo do seu director, Pedro de Llano Neira; da investigadora Ánxela Caramés e do director do CGAC.

Tamén acompaña a exposición o seminario Novas narrativas na historia da arte contemporánea, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e que se celebra no CGAC o 24 e o 25 de novembro. Nel abordarase unha reflexión ambiciosa ao redor dos obxectos e dos métodos de estudo da historia da arte. Coincidindo coa presenza no seminario da recoñecida teórica e ensaísta Mieke Bal, o día 25 de novembro o CGAC abrirá ao público, no seu Espazo de proxectos, a instalación multipantalla Madame B., traballo no que a pensadora belga colabora coa realizadora inglesa Williams Gamaker.

Ademais, o venres 10 de novembro, e dentro do ciclo Xornadas de música contemporánea 2017, ás 20:30 horas, no auditorio do CGAC, O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) presenta “Inger mi calices”, escrita por encargo para esta ocasión polo recoñecido compositor Fernando Buide, e que conta ademais coa colaboración, para a interpretación desta obra, da nova videocreadora galega Laura Iturralde.

Visitas guiadas na fin de semana

Todos os sábados ás 12:00 horas, o público poderá achegarse ao CGAC para gozar das exposicións acompañado por mediadoras especializadas en arte. Este servizo ten como fin estimular o interese pola creación artística contemporánea e facilitar a comunicación entre o espectador e as obras de arte. As visitas son gratuítas e non se require inscrición previa.

A colección do CGAC

A colección permanente do CGAC creouse en 1995 e, desde entón, non deixou de se enriquecer con incorporacións de obras procedentes do contexto galego e internacional, con especial atención aos artistas españois, portugueses e latinoamericanos. Os seus fondos contan na actualidade con máis de 1.200 pezas adquiridas ou doadas por coleccionistas particulares, institucións e artistas.

A colección está constituída fundamentalmente por obra de artistas que viron consolidada a súa traxectoria a partir da segunda metade do século XX e algunhas das súas obras emblemáticas foron concibidas especificamente para os espazos do CGAC.

9 de novembro de 2017 | 16:49 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario