publicidade hoxe

O Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Santa Cruz atende unha media de 1100 exemplares cada ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOleiros
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) de Oleiros, situado nas inmediacións do núcleo urbano de Santa Cruz. Neste establecemento, dependente da Consellería de Medio Ambiente, lévase a cabo a atención e recuperación das especies silvestres feridas ou enfermas recollidas en toda a provincia da Coruña.

Os responsables do centro, que acompañaron a Rodeiro na súa visita, explicáronlle que no ano 1991 entrou en funcionamento o primeiro centro destas características, que deu paso en 2008 ao actual centro edificio, ampliando notablemente a capacidade física e técnica para a atención dos animais feridos ou enfermos e en especial para dar resposta a un posible vertido ou marea negra. As novas instalacións, que entraron en funcionamento a finais daquel ano, supuxeron unha inversión total de 355.000 euros. A este investimento únense as adquisicións de equipamento que fase de forma paulatina e constante.

O CRFS de Oleiros conta con máis de 1.600 metros cadrados destinados á atención e recuperación dos animais silvestres. O edificio principal alberga as instalacións administrativas de recepción de animais, a zona clínica e as dependencias destinadas á hospitalización dos animais más graves. No exterior atópanse as instalacións destinadas á rehabilitación final dos animais xa recuperados, antes da súa devolución ao medio: mudas, cámaras de voo e piscinas destinadas ás especies acuáticas. As instalacións de aves cobran especial importancia no complexo, tendo en conta que estas supoñen o 89% dos animais recollidos. O mantemento anual do centro supón un custe medio de preto de 18.500.

Atención permanente

O CRFS esta aberto todos os días do ano, cubrindo as necesidades diarias de atención e alimentación dos animais ingresados. Parte do persoal, seis traballadores, ten como destino fixo o centro de recuperación. Ademais, existe un grupo de persoal variable, que presta os seus servizos nos momentos en que se produce o maior número de entradas ou se ausenta persoal propio do centro

O centro experimentou durante os dous últimos anos un notable incremento no número de animais recibidos, chegando a rexistrar un total de 1.121 entradas, das que 936 se corresponden con exemplares de fauna silvestre autóctona, 170 con fauna non silvestre e 15 con mostras ou cadáveres obxecto de estudo, determinantes para o establecemento de posibles infraccións. Entre os animais recollidos as aves son as máis representativas, alcanzando un total de 91% das entradas fronte os mamíferos e os réptiles que supoñen o 6 e o 3% respectivamente.

Un gran número das especies recollidas no CRFS de Oleiros atópanse en réxime de protección especial. No CRFS recíbense animais feridos ou enfermos de diferente gravidade. Nalgunhas ocasións (25,40% dos animais recibidos) as lesións son irreversibles, o que fai inviable a súa curación e posterior liberación no medio. O 76,80% restante son hospitalizados e atendidos polo persoal do centro, acadando a liberación no medio de mais do 65% destes.

O delegado territorial visitou as distintas dependencias do centro, comezando polo punto onde se reciben os animais en horario de apertura e se fai o rexistro de entrada, a zona de atención veterinaria, a UCI, onde se manteñen os animais máis graves, durante os primeiros días de tratamento ou a zona de lavado ou zona de animais petroleados, onde se lle ofreceu unha explicación de como se procedería en tal caso.

Posteriormente Rodeiro visitou as cámaras de voo e o exterior do propio túnel de voo, dende puido observar as piscinas. A visita rematou na zona de alimentación, onde compartiu cos traballadores as tarefas de preparación da comida para os animais. Ao remate do percorrido, Ovidio Rodeiro felicitou ao persoal polo seu traballo e considerou “moi importante dar visibilidade a un traballo que soe pasar inadvertido, pero que resulta de vital importancia para preservar o patrimonio natural da nosa terra”. O delegado comprometeuse a repetir a visita con frecuencia e a ter en conta as peticións que os responsábeis do centro fixéronlle chegar durante a xornada.

15 de novembro de 2017 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.