publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Camiño de Santiago estreita lazos cos itinerarios de Jeju Olle

Benvida á delegación asiática

Benvida á delegación asiática

O Camiño de Santiago estreita desde hoxe lazos cos itinerarios de Jeju Olle, que percorren a illa volcánica de Jeju, en Corea do Sur. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, deron a benvida a unha delegación do país asiático na inauguración dunha exposición entre ambos camiños na Casa da Torre de Redondela.

Este albergue do Camiño Portugués acolle a mostra titulada O Camiño de Santiago e o Jeju Olle Trail en Corea do Sur que, tras pasar por Galicia, seguirá por outros países como Suiza, Canadá, Reino Unido, Líbano, Xapón ou Australia. Os visitantes achegaranse ao patrimonio da ruta xacobea, Patrimonio Mundial da Unesco, e da illa de Jeju, que reúne as distincións de Patrimonio Natural da Humanidade, Xeoparque Global e Reserva da Biosfera.

“O Camiño de Santiago, que este ano foi percorrido por persoas de ata 179 nacionalidades diferentes, vive nos últimos anos un gran proceso de universalización que nos vincula con peregrinos de países tan afastados de Galicia como Corea do Sur”, manifestou Nava Castro, quen lembrou que o número de camiñantes coreanos na ruta xacobea neste ano 2017 ascende xa a 4.600, o que o converte no décimo segundo país con maior presenza.

Sede da World Trails Conference en 2018

A illa de Jeju acolleu unha exposición sobre o Camiño de Santiago en 2016 e a colaboración entre Galicia e o país asiático terá continuidade no 2018, cando a Comunidade galega será a sede da World Trails Conference, encontro creado precisamente pola Fundación Jeju Olle.

Esta cita servirá para seguir conectando rutas de todo o mundo e promover a súa mellora e protección a través dunha colaboración global que, como dixo Nava Castro, “nos enriquece”.

8 de novembro de 2017 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.