publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nava Castro aplaude a aposta do sector por afondar na formación e facer de Galicia un destino máis competitivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Nava Castro na clausura do plan formativo

Nava Castro na clausura do plan formativo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, clausurou hoxe na Cidade da Cultura a terceira edición do Plan de formación do clúster de Turismo de Galicia no que este ano participaron máis de 400 profesionais. No acto destacou a grande oportunidade que o turismo galego está a ter nos últimos anos para conseguir medrar dun xeito ordenado e planificado da man dun sector cada vez máis implicado na súa formación, “facendo, así, de Galicia un destino máis competitivo”, indicou Nava Castro.

Referíndose ás boas cifras de ocupación que os establecementos hoteleiros galegos están a rexistrar en meses como o de outubro -que é o mes deste ano no que o crecemento de viaxeiros foi máis intenso-, Nava Castro puxo de manifesto como o turismo está tamén a ser quen de xerar máis postos de traballo do que o facía hai un ano. De feito, o mes pasado creáronse en Galicia preto de 2.000 postos neste sector, cifras, dixo, que están a repercutir, ademais, nun progresivo aumento da rendibilidade e confianza do sector.

“É algo que persoalmente me enche de ledicia, porque ter profesionais preparados estanos a axudar dun xeito decisivo para que o noso destino sexa cada vez mellor. Xa conseguimos medrar fóra da tempada alta, que o turismo xere máis emprego e todo isto é, sobre todo, grazas aos profesionais, que imprimen calidade ao noso destino”, explicou. Neste sentido, Galicia é a única comunidade autónoma de España que logrou aumentar durante catorce anos consecutivos distintivos como as Q de Calidade turística, con preto de 300 establecementos.

A responsable de Turismo da Xunta referiuse ao “obxectivo compartido” co sector que supón a formación dos profesionais. Un obxectivo que, engadiu, é tamén un compromiso que a Administración autonómica plasma na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta para o turismo galego que dedica unha das súas 11 liñas de traballo especificamente á profesionalización.

Programa multidisciplinar

Desenvólvese tanto a través do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) como da formación en liña ou da escola itinerante, así como con iniciativas como as impulsadas polo Clúster de Turismo de Galicia co apoio da Xunta de Galicia. E, como explicou, continúa despois da formación, “coa retención do talento, arroupando aos emprendedores e facilitando o relevo xeracional cando chega o momento”.

O plan de formación clausurado hoxe en Santiago de Compostela conseguiu mellorar as habilidades profesionais das máis de 400 persoas que participaron nas 34 accións programadas durante os meses de setembro, outubro e novembro. O programa incluíu actividades gratuítas nas catro provincias, centradas especialmente en mellorar as capacidades de directivos, emprendedores e profesionais do sector turístico galego en ámbitos como a sustentabilidade, internacionalización, revenue management, mercadotecnia, novas tecnoloxías ou experiencia e relación co cliente, entre outras.

28 de novembro de 2017 | 16:35 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario