publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente mellora a accesibilidade na Avenida de Mendiño mediante a supresión das barreiras arquitectónicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar os traballos para a mellora da accesibilidade na Avenida de Mendiño, en Redondela. Trátase dunha actuación enmarcada no Plan Hurbe, que supuxo un incremento da calidade de vida dos veciños. Así o manifestou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismos, Encarnación Rivas, que esta mañá visitou, xunto co rexedor local, Javier Bas, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, a zona co fin de coñecer o resultados dos traballos realizados.

Durante a súa visita, a responsable do departamento autonómico recordou que esta actuación, que contou cun orzamento de 100.000 euros, permitiu a rehabilitación da Avenida de Mendiño, así como a humanización do contorno do pavillón polideportivo da Marisma, dentro do concello de Redondela.

En concreto, os traballos consistiron, fundamentalmente, na creación dunha beirarrúa perimetral, que permite o acceso ao pavillón cumprindo as condicións da normativa de supresión de barreiras arquitectónicas. Para conseguilo, creáronse dúas ramplas para facilitar a accesibilidade desde a parcela contigua de aparcamento. Tamén se repararon as beirarrúas e calzada que existía anteriormente ao pavillón, favorecendo así o tránsito ás persoas con mobilidade reducida.

Ao mesmo tempo, efectuáronse diversas melloras na rede de alumeado público, que é de tecnoloxía led, da máxima eficiencia enerxética e calidade ambiental. Ademais, modificouse a posición de postes fóra da beirarrúa, de xeito que se amplía o espazo destinado aos peóns.

Plan Hurbe

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 157 actuacións, cun investimento total de 123 millóns de euros.

16 de novembro de 2017 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.