publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente inicia os traballos de limpeza de 15 puntos de vertido incontrolado nos concellos de Lugo e a Pastoriza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PastorizaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia hoxe os traballos para o selado de 15 puntos de vertido incontrolado nos concellos de Lugo e A Pastoriza. Trátase dunha actuación medio ambiental incluída nunha campaña do Goberno galego para erradicar máis de 65 puntos inventariados que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses do actual ano e nos que investirá 400.000 euros.

Os puntos de vertido incontrolado son pequenos focos nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de moi distinta natureza, co prexuízo que isto ocasiona no entorno, tanto dende o punto de vista ambiental como estético.

No caso de Lugo, os puntos detectáronse nos lugares de Carqueixo, Camiño das Graveiras, Polígono das Gándaras e Abella; mentres que no caso do concello da Pastoriza, actuarase en cinco zonas: en Loxilde, Castrillón, Loboso, Campo de Oso e Curras. O material que se adoita a localizar neste puntos de vertido incontrolado consisten en obxectos domiciliarios, pequenas obras de edificación e de urbanización, como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción.

Os traballos de acondicionamento consistirán na recollida, clasificación e retirada do material, na revexetación mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira.

O acondicionamento destas zonas nos concellos de Lugo e Pastoriza suman un importe de máis de 100.000 euros (case 62.000 no caso de Lugo e case 48.000, para A Pastoriza).

A limpeza destes puntos permite minimizar e corrixir os impactos orixinados, logrando a integración do lugar co seu entorno e eliminar o hábito que na poboación existe de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos

Este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras instalacións, como son puntos limpos.

O obxectivo destes programas é facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).

8 de novembro de 2017 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.