publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Manuel Mosquera presenta en Silleda o seu primeiro libro “Deza Augusta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaLocal PortadaSilleda
A-
A+

cartel Deza AugustaO Salón Parroquial de Silleda acolle este xoves 23 de novembro, ás 20.30 h, a presentación de “Deza Augusta”, o primeiro libro do profesor Manuel Mosquera, no que realiza un extenso e detallado percorrido pola historia de “Deza” remontándose aos tempos da Gallaecia romana.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado do director do CPR Plurilingüe María Inmaculada, Manuel Constenla; o Equipo de Normalización Lingüística do CPR Plurilingüe María Inmaculada, José González, Chus Vidueiros e Ana González; o presidente da Fundación María Seoane Colmeiro, José Pérez; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña. Contarase, ademais, con acompañamento musical a cargo do grupo “Aires do Trasdeza” do CPR Plurilingüe María Inmaculada.

A obra

“Deza Augusta”, editada por Edicións Fervenza e que contou coa colaboración do Concello de Silleda e a Xunta de Galicia, pretende dar luz a unha realidade histórica na que, como se de un arqueólogo se tratase analiza a orixe da toponimia para determinar o porqué desa nomenclatura; chegando a conclusións tales como que o primixenio nome da Bandeira sería Deza e, como “Civitas Deza”, capital da Gallaecia.

Nun concello como o de Silleda, cuberto por vinte séculos de lenta pero continua evolución da fala, atópase un importantísimo patrimonio toponímico derivado do latín e, en menor medida, do xermánico. Sacar á luz este patrimonio e a partir del, deducir como foi (ou puido ser) a realidade viaria, militar, política e social deste concello en tempos tan lonxanos é o propósito desta obra.

Non hai nada máis resistente ao paso do tempo que os nomes dos lugares (topónimos); os documentos escritos ou podrecen ou se perden, os ferros corróense, as pedras facilmente son espoliadas e reutilizadas noutro lugar, pero os topónimos permanecen ancorados aos lugares aos que lles foron impostos, máis ou menos desgastados como cantos rodados, pero sempre aí.

O autor

Manuel Mosquera Fernández (1942), natural da parroquia de Siador, é licenciado en Filosofía polas Universidades de Comillas e Pontificia de Salamanca.

Impartiu docencia de Filosofía, Latín e Grego no Colexio María Inmaculada de Silleda dende o ano 1967 ata a súa xubilación en 2008. 

Foi colaborador na organización da Semana Verde de Galicia, onde desempeñou o cargo de Secretario da Asociación Feiral.

 

21 de novembro de 2017 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.