publicidade hoxe

López-Chaves: “O Concello de Vigo non se presenta ao 80% das subvencións convocadas pola Xunta”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, cifrou hoxe nun 80 por cento as subvencións autonómicas ás que o Concello vigués non se presenta. Tralas declaracións públicas do alcalde, Abel Caballero, afirmando que a cidade é a urbe galega que menos axudas recibe do Goberno galego, o representante territorial ironizou hoxe co feito de que municipios máis pequenos e con menos recursos sí o fan e ademais o fan ben.

Segundo indicou en rolda de prensa, non basta con que a Xunta convoque as subvencións, senón que os concellos deben concorrer ás mesmas para lograr o maior porcentaxe posible das axudas. “Tomeime a liberdade de examinar unha a unha as ordes publicadas desde comezos de ano, preocupado pola acusación do alcalde, e cal foi a miña sorpresa que das 36 axudas dirixidas directamente aos concellos, Vigo só se presentou a 8 delas”, explicou.

“O Concello de Vigo non se presenta ao 80 por cento das subvencións convocadas pola Xunta”, insistiu o delegado, ao tempo que chamou a atención de que en dous destes casos lle foi denegada por non facelo correctamente.

López-Chaves atribuíu a perda destas axudas a “falla de xestión do Goberno local” e valorou que o que demostra esta deixadez é “unha clara insensibilidade social”, por canto moitas das subvencións ás que rexeita presentarse están dirixidas a colectivos de especial vulnerabilidade. Como exemplo, citou o programa de axudas económicas a familias con menores a cargo para a compensación de gastos farmacéuticos ou para contratación de persoas en situación de risco ou exclusión social perceptoras da Risga. “Tampouco se presentou ou fíxoo mal no caso doutras ordes relacionadas con emprego, industria, xuventude ou vivenda”.

“Se Vigo non recibe máis subvencións é porque non as solicita”, subliñou o representante do Goberno galego na cidade, ao tempo que afirmou que “non lle interesa”. Neste senso, lamentou as declaracións do alcalde afirmando que a Xunta non dá axudas á cidade cando a realidade é ben distinta. “O de Caballero é un vitimismo buscado”, sinalou López-Chaves, para engadir que “non se presenta as subvencións para logo poder queixarse de que a cidade non recibe axudas”.

Nesta mesma dirección, López-Chaves alertou da “vontade consciente” do alcalde de non participar das ordes de axudas e logo ter unha escusa para confrontar coa Xunta. “En este xogo político de Caballero os que verdadeiramente perden son os vigueses e a cidade de Vigo”, sentenciou.

7 de novembro de 2017 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.