publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Francisco Conde: “cos orzamentos de 2018 os autónomos terán axudas para unha segunda oportunidade e apoios á remuda xeracional”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na xornada Galicia Camiño Emprendedor, organizada pola Fundación Ronsel, para avanzar cara a un emprendemento moderno e sustentable a través da posta en común de diferentes experiencias, de iniciativas de éxito e a análise da importancia do uso da tecnoloxía neste ámbito.

O titular de Economía expuxo as políticas de impulso ao emprendemento que está executando a Xunta, avanzando que os Orzamento de 2018 da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúen dúas novas medidas, que complementarán ás recollidas na Lei estatal do autónomo. Por un lado, porase en marcha unha liña de axudas por valor dun millón de euros para facilitar unha segunda oportunidade aos autónomos que escollen unha nova actividade ou que queren reemprendela. E, doutra banda, a Xunta apoiará con 500.000 euros o relevo xeracional para dar continuidade aos negocios xa consolidados.

Estas dúas novas actuacións formarán parte da Estratexia Autónomo 2020 que o vindeiro exercicio volverá a contar con 40 millóns de euros. Partidas como a de conciliación, de contratación de asalariados e o Bono Autónomo contarán con máis presuposto. “Queremos consolidar un ecosistema emprendedor galego que ten evolucionado moito ao longo dos últimos anos”, explicou Conde, afirmando que os emprendedores de hoxe en día están mellor preparados, con máis formación académica e mellor orientada á realidade do mercado. Neste senso, matizou que moitas das empresas emerxentes teñen agora un claro perfil tecnolóxico, sendo as TIC e a I+D+i o seu principal campo de traballo.

A Xunta dispón de axudas para comezar a actividade como o feito de que non sexa necesario dispoñer dunha licenza previa á apertura dun negocio, os apoios para o inicio da actividade ou os financeiros como os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, que axudan ata o 35% do investimento inicial e que, en 2018 van contar cun orzamento de 5,5 millóns de euros.

Así mesmo, a Administración autonómica ofrece melloras para a consolidación como son a tarifa plana ampliada do Estado que permite manter 6 meses máis a cota estatal de 50 euros; o Bono Autónomo que achega unha axuda máxima de 3000 euros para reforzar a competitividade dos negocios; e os apoios á contratación indefinida, que van desde 5000 euros para a primeira persoa contratada e 6000 pola segunda e terceira, podendo alcanzar ata 12.000 euros para os colectivos prioritarios, que contan cun incentivo do 25%.

Para a conciliación, o Goberno galego vén de poñer en marcha unha iniciativa que permite prolongar ata as 32 semanas o contrato da persoa que cobre a baixa por maternidade ou paternidade, cunha bonificación do 100% da cota da Seguridade Social; e para interactuar coa Administración, os emprendedores dispoñen da Oficina do Autónomo, onde poden atopar todo tipo de información e asesoramento.

Concellos Emprendedores

Outras vantaxes para impulsar o emprendemento están recollidas na Lei de implantación empresarial que inclúe que os Concellos Emprendedores terán preferencia en axudas autonómicas de emprego, industria, comercio e emprendemento, que suman 43 millóns de euros para 2018, no caso que se adhiran ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galego de Municipios e Provincias (Fegamp) para captar novos investimentos. Isto implica que as Administracións locais deberán ofrecer máximas facilidades administrativas e maiores vantaxes fiscais. As liñas de apoio nas que terán prioridade son obradoiros de emprego, programas integrados, financiamento de axentes de desenvolvemento local (AEDL), parques empresariais, viveiros industriais, fomento da biomasa, mercados excelentes e espazos de emprendemento.

Conde rematou afirmando que o emprendemento ten que ser unha opción en Galicia e, por iso, asegurou que a Xunta busca unha alianza entre administracións para que emprender na Comunidade sexa unha opción, para que a Administración non sexa un obstáculo, senón unha ponte, e, en definitiva, para que xerar un negocio en Galicia sexa unha garantía. “Galicia en innovación e emprendemento está a demostrar que ten talento e ideas e, sobre todo, un ecosistema de apoio a través das diferentes administracións, universidades e centros de coñecemento e tecnolóxicos para desenvolver proxectos pioneiros”, afirmou.

9 de novembro de 2017 | 17:27 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario