publicidade hoxe

Francisco Conde: “A Lei de implantación empresarial dá unha resposta áxil e competitiva que tende pontes ao investimento”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Intervención de Francisco Conde no acto

Intervención de Francisco Conde no acto

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago nun foro no que se analizaron as perspectivas de futuro que a Lei de implantación empresarial abre para a industria galega, destacando que a normativa dá unha resposta áxil e competitiva que tende pontes ao investimento. O titular de Economía explicou que o texto normativo ofrece solucións ás necesidades actuais da economía global e dixital facilitando a burocracia e a fiscalidade ás empresas que desexen instalarse en Galicia e sendo sensible coas demandas dos principais axentes económicos.

Conde expuxo que se trata de buscar novos mercados favorecendo a tramitación administrativa que ten que ser “unha garantía e non unha encrucillada que ralentice ou disuada a actividade económica”. Indicou que nun momento no que Galicia está proporcionando estabilidade institucional, solvencia e fiabilidade é necesario “blindar as perspectivas económicas”, polo que neste contexto naceu a Lei para dar solucións ás necesidades actuais do tecido produtivo galego e para contribuír a armar unha industria máis competitiva. O que se pretende é ofrecer unha porta aberta ao investimento empresarial, facer despuntar sectores emerxentes, como o aeronáutico, e outros xa estratéxicos, como a automoción ou o agroalimentario, xerar emprego de calidade e crear unha alianza entre a Administración autonómica e os concellos.

Deste xeito, a Xunta puxo en marcha a iniciativa Concellos Emprendedores, un chamamento á cooperación institucional para que toda empresa que se decida investir en Galicia non atope ningún labirinto de trámites e obstáculos que sortear. Ser un Concello Emprendedor é, en palabras de Conde, redobrar os recursos que desde o ámbito municipal se poden ofrecer para dinamizar a economía de cada zona. “Supón unha colaboración en rede entre todas as administracións”, subliñou.

Os municipios que se adhiran a esta actuación ofrecerán máis simplificación administrativa, porque as licenzas de obras nestas localidades se expedirán nun prazo máximo de 30 días; máis facilidades na adquisición de parcelas a través de bonificacións no prezo do solo; e máis incentivos fiscais. Ofertarán, ademais, bonificacións de ata o 95% en impostos locais como o IBI, o IAE e o ICIO.

A cambio, recibirán prioridade en axudas da Xunta por valor de 43 millóns de euros relacionadas co emprego, o desenvolvemento industrial, a eficiencia enerxética e sustentabilidade e comercio.

Conde tamén asegurou que este novo marco normativo impulsará a economía galega ofrecendo confianza para competir e innovar nun clima de cooperación laboral e de mellora da calidade na xestión empresarial.

O conselleiro de Economía, así mesmo, afirmou que a Lei de implantación empresarial dará un maior pulo a aqueles sectores que se asentan en torno aos recursos naturais, como son o eólico, forestal e mineiro.

Por último, apuntou que a normativa susténtase en recursos financeiros como é o programa ReAcciona do que hoxe mesmo publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) os resultados da segunda edición desta convocatoria. A Xunta concedeu 490 axudas que beneficiaron a un total de 376 empresas por valor de máis de 445.000 euros. Entre os sectores máis destacados, un 36% das empresas que recibiron apoio pertencen ao ámbito industrial; un 30% dedícanse a servizos a empresas; un 14% ao comercio minorista; e un 7% á hostalaría e comercio polo miúdo. Desde 2013, lévase axudado con esta iniciativa a preto de 1000 empresas con máis de 1500 servizos.

22 de novembro de 2017 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.