publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo enxalza o labor das entidades sociais na inauguración do novo Centro de Atención Social Continuada Vieiro

Feijóo na visita ao Centro de Atención Social Continuada "Vieiro"

Feijóo na visita ao Centro de Atención Social Continuada “Vieiro”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante unha visita ás instalacións do novo Centro de Atención Social Continuada Vieiro, o labor das entidades sociais para tecer a rede de benestar e prestar apoio aos que máis o necesitan.

Nesta liña, resaltou e agradeceu o importante labor solidario e de loita contra a pobreza que Cáritas realiza, referíndose a esta entidade como “un axente imprescindible para unha política social real e efectiva”. “Agradecer a vosa dedicación e o voso compromiso”, dixo, ao tempo que garantiu o apoio da Xunta, reflectido en 2017 nunha achega de preto de 370.000 euros para Cáritas Santiago, a maior achega dos últimos nove anos.

“Hoxe estamos a visitar un servizo de referencia para as persoas sen fogar. Aquí dispoñen, entre outras cousas, dun servizo médico; dunha consigna para gardar as súas pertenzas; dun almorzo; de actividades de ocio; orientación prelaboral; e, sobre todo, de persoas que os axuden, os escoiten e os guíen”, aseverou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo asegurou que o Goberno galego seguirá traballando polos máis desfavorecidos desde unha tripla perspectiva: apoiando aquelas entidades que loitan contra a exclusión social a pé de campo, desde a contorna máis próxima a quen sofre, duplicando nos últimos tres anos o importe das axudas para entidades sociais, ata chegar a máis de 10 millóns de euros na convocatoria 2017-2018. Así como impulsando a colaboración con outras administracións e co tecido social, unha filosofía recollida na Axenda Social Única, pactada con máis de 40 entidades sociais e que suma os esforzos da Xunta, das deputacións, dos concellos e das entidades para facer fronte ás situacións de exclusión.

Por último, destacou que a pesar de que a situación económica está mellorando e cada vez máis persoas teñen un emprego, a Administración autonómica segue a reforzar os fondos destinados á loita contra a pobreza. Non en van, en 2018 a Xunta destinará a políticas de inclusión 112 millóns de euros.

Así mesmo, a Renda de inclusión social de Galicia (Risga) contará cunha partida de 62 millóns de euros.

Feijóo concluíu lembrando que en total, o orzamento do Goberno galego para as políticas sociais en 2018 ascende a 700 millóns de euros, un incremento de máis do 9% con respecto a 2017.

13 de novembro de 2017 | 16:23 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario