publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Entrega do premio do Concurso “Balbino” de Relatos e presentación do libro premiado “De que falarán as árbores”

portada

Portada do libro

Este venres, 24 de novembro, preséntase a obra gañadora do II Concurso “Balbino” de Relatos, que publica Edicións Fervenza, e que nesta segunda edición recaeu en Ricardo Cid Paz. O acto de presentación do libro De que falarán as árbores, será ás 19,00 h no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

Recordamos que esta publicación é o resultado da obra gañadora do concurso, premiada cunha dotación económica de 1.500 euros e a súa publicación por parte de Edicións Fervenza.

Intervirán 

No acto de presentación, o autor estará acompañado da escritora, tradutora e crítica literaria, Ánxela Gracián; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández. Así mesmo, contarase cunha actuación musical a cargo de Manoele de Felisa. 

Concurso “Balbino” de Relatos 

Baixo o nome de Balbino, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.

De periodicidade anual, as bases que debían cumprir as obras presentadas requirían unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres e, como non, centrarse na temática rural galega. Nesta segunda edición, presentáronse un total de 24 orixinais dos que saíu elixida a obra “De que falarán as árbores”. 

A obra 

Do relato “De que falarán as árbores”, os membros do xurado (composto polos escritores Rosalía Morlán, Ánxela Gracián e Armando Requeixo) destacaron a orixinalidade e modernidade dos seus relatos, onde o rural galego figura retratado dende unha óptica actual, na que deambulan os personaxes movidos pola forza dos sentimentos e o inevitable dos acontecementos. 

As quince historias que compoñen este volume ofrecen escenarios diferentes que converxen na intensidade das tramas propostas, así como na ductilidade dos rexistros idiomáticos empregados, na excelente caracterización dos personaxes e na viveza expresiva dos seus diálogos. 

Colaboracións 

O Concurso “Balbino” de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, o Concello de Boqueixón e o Concello de Vila de Cruces. 

Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974) 

Licenciado en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela, posúe un Máster en Xestión do Medio Ambiente e actualmente realiza estudos de Ciencias Ambientais na UNED. Aínda que profesionalmente se dedica ao mundo da veterinaria, sempre mantivo vivo o interese polo mundo das letras e as artes, mais de cativo estaba máis encamiñado ao debuxo e a banda deseñada acadando un accésit no Concurso de Banda Deseñada de Ourense, Xuventude 90.

Participou en diversas antoloxías cos seus contos e relatos. Resultou premiado no XI Certamen Literario De Relato Corto Y Poesía De Navidad “Ciudad De Melilla”na modalidade de relato (2010), unha mención honorífica no III Premio Internacional Sexto Continente De Relato, seleccionado para a súa publicación no libro “Hiroshima, Truman”, Ediciones Irreverentes (2011), finalista do IV Concurso De Microrrelatos Caja De Ávila(2011), tamén finalista do IV Concurso De Microrrelatos Calle Del Sol (2011), segundo accésit no V Concurso De Relato Corto Villa De Mascaraque(2012), primeiro premio do X Certame De Relato Curto En Galego “Concello De Mugardos” (2012), terceiro premio no Certamen Literario “Asociación Cultural Santuario Virxe de Armada” (2013), finalista do I Concurso De Relatos Del Parque Nacional De Las Islas Atlánticas De Galicia (2014), accésit no II Certame de Relatos “Vigo Histórico”coa publicación do libro “Relatos na rúa II”Editorial Elvira(2015), segundo premio no XI Premio de Narrativa Curta do Concello de Curtis (2016), premio do xurado no V Concurso de micro-relato fantástico “Libraría Aira das Letras: Os misterios da Lagoa de Antela” (2016) e primeiro premio no X Certame literario “Terras de Chamoso” (2016).

De que falarán as árbores (Edicións Fervenza,2017), resultou gañador do II Concurso Balbino de relatos “O rural galego”.

23 de novembro de 2017 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.