publicidade hoxe

Consellería do Mar e Concello de Ribeira asinan un convenio para a remodelación da fachada marítima da vila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaRiveira
A-
A+
Rosa Quintana na sinatura do convenio co Concello de Ribeira

Rosa Quintana na sinatura do convenio co Concello de Ribeira

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu esta mañá a sinatura dun convenio de colaboración entre Portos de Galicia e o municipio coruñés de Ribeira para a remodelación da fachada marítima da vila.

A través deste acordo, en cuxa sinatura participaron o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz regúlanse as obrigas das partes para a execución das obras que asumirá na súa totalidade o Concello, pero que afectarán a terreos de Portos de Galicia, ente adscrito á Consellería do Mar.

O obxectivo fundamental deste proxecto é reordenar a Avenida do Malecón e o Paseo das Carolinas, dando preferencia ao peón fronte ao tráfico rodado e conferíndolle aos viais de titularidade portuaria o carácter urbano que lles corresponde. Contémplase ademais a execución dun carril bici que xunte o existente no paseo do Touro co Paseo de Coroso, dando continuidade ao mesmo ao longo da fachada marítima do casco urbano.

O prazo de execución de obra será de 8 meses e o presuposto de execución ascende a 1 millón de euros (IVE incluído), que serán financiados polo Concello en dúas anualidades. Esta actuación suporá un efecto positivo tanto para a vila coma tamén para o porto, xa que esta infraestrutura ofrecerá un servizo engadido aos usuarios e ao medio ambiente ao ser unha actuación de carácter sustentable e que resultará beneficiosa para a explotación portuaria das instalacións de Ribeira.

Entre as obrigas das partes que recolle o convenio, Portos de Galicia asume a posta a disposición dos terreos e a autorización das obras, mentres que por parte do Concello asúmese o total da tramitación e financiamento das mesmas. O convenio non suporá en ningún caso cambio algún de titularidade dos terreos ou bens dos que é titular Portos de Galicia.

8 de novembro de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.